Publicidade

galicia calidade turismo


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Outro triste récord da natalidade galega



REDACCIÓN · PUBLICADO O 27 DE XANEIRO DE 2021 · (0)




Os últimos datos estatísticos non deixan lugar a dúbidas. Galicia rexistra a cifra máis baixa de nacementos desde 1941, ano en que comezan a recollerse datos demográficos. En 2019 houbo case 7.500 partos menos que hai unha década, e van xa máis de 30 anos con saldo vexetativo negativo.

A falta de coñecer os datos de nacementos en Galicia en 2020, de seguro que a cifra non andará moi lonxe da que nos deixou o ano anterior: 15.668 nacementos, un 5,4 % menos que os rexistrados no ano 2018. Superan a media galega A Coruña –onde a caída de nacemento é do 7,6 %– e Lugo, onde supera o 13 %. De feito, case o 80 % dos nacementos corresponden a nais con residencia nas provincias da Coruña e Pontevedra. Un datos que volveron facer saltar todas as alarmas en Galicia.

No último ano naceron 842 nenos menos que no exercicio anterior. Pero se imos ata 2008 vemos a caída supera os 7.450 nacementos. En apenas unha década! E levamos máis de tres con saldo vexetativo negativo, isto é, morren máis persoas das que nacen ata o punto de que os últimos datos son comparables aos do ano 1941, en plena posguerra. En 2019 só 5 dos 313 concellos galegos tiveron saldo positivo –algún tan irrisorio como Ribadumia, con 2 nacementos máis que falecementos–, e ningunha das sete grandes cidades está entre eles.

Se miramos os datos provisionais do primeiro trimestre de 2020 as cousas empeoran máis. O saldo vexetativo de Galicia é de 5.193 persoas –en 2019 fora de 4.891–. E probablemente os datos finais, especialmente cando teñamos o exceso de mortalidade provocada pola covid a partir de marzo, sexan devastadores.

Unha das claves dos datos demográficos está no atraso da maternidade. En 2019 case a metade das nais que deron a luz tiña máis de 34 anos (un 46,8 %) mentres que dez anos atrás só representaban o 31 %. E o 13,5 % das nais superaba os 39 anos –unha década atrás apenas eran o 5,3 %–. A idade media de acceso á maternidade en Galicia está en case 33 anos (32,8) cando en 1980 era de 27,3 anos. E, evidentemente, canto maior é a idade á que se ten o primeiro fillo, menor a posibilidade de ter máis. Actualmente o índice de fecundidade está en 1,02 fronte ao 1,21 de hai tan só dous anos. En calquera caso, moi lonxe –e cada vez máis– dos 2,1 fillos por muller que é o que se estima necesario para acadar o nivel de substitución da poboación. Unha taxa, por certo, que Galicia acadou por última vez en 1979.

Así as cousas, hai anos que os expertos alertan de que pouco se pode facer xa neste ámbito no que inflúen multitude de variables dificilmente mudables, polo que só a fixación de poboación e a inmigración poderán salvar en certa medida o despoboamento ao que parece abocada esta comunidade. Non é a única que sofre o problema pero si é unha das máis afectadas, tanto no conxunto do estado e de Europa como no mundo.

(Noticia publicada no número 356 - xaneiro 2021)



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)