Publicidade

Galicia calidade produto


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Aumentan as mulleres directivas en Galicia



REDACCIÓN · PUBLICADO O 09 DE MARZO DE 2021 · (0)




Galicia ten un 33 % de mulleres en postos directivos, o que supón un incremento de dous puntos con respecto ao ano anterior. Son datos do informe Women In Business 2021 elaborado por Grant Thornton e cuxos resultados preliminares foron presentados no Forbes Summit Women 2021 ‘Mulleres visionarias para a reactivación económica e social’.

A cifra de mulleres directivas en Galicia sitúase no 33 %, só un punto por debaixo da media nacional, segundo o informe Women In Business 2021 que analiza a empresas de 50 a 500 empregados, cotizadas e non cotizadas. España estáncase no 34 % tras ter unha evolución positiva nos últimos dous anos, nos que pasou do 27 % de 2018 ao 30 % en 2019 e ao 34 % en 2020. Non obstante, España mantense no top 10 mundial en canto a desenvolvemento de políticas de diversidade e igualdade, destaca o estudo elaborado por Grant Thornton, que revela tamén que a porcentaxe de empresas que non aplicou ningunha política de diversidade de xénero aumentou nun ano do 11 ao 26 %, o que se atribúe ao “contexto excepcional, no que as compañías tiveron que realizar grandes esforzos na súa xestión para facer fronte ao impacto da pandemia”.

O informe completo estará dispoñible a partir de marzo, pero os resultados preliminares foron presentados na IV edición de Forbes Power Summit Women, que este ano centrouse no impacto da crise sanitaria, na influencia da diversidade para innovar e no tipo de líderes que necesita o mundo post-covid.

A encargada de inaugurar o evento, no que participaron algunhas das executivas máis influentes en España, foi a ministra galega Yolanda Díaz. A responsable de Traballo e Economía Social asegurou que “a igualdade é unha actitude habitual, diaria, que debe ser invisible sen pasar desapercibida. Debe formar parte do estilo co que se exerce o liderado, tanto por parte de mulleres como de homes e debe ser reflexo da nosa sociedade, do que valora e do que esixe. Por iso, o liderado, debe ser diverso e feminino, por obriga, pero tamén por convencemento”.

Por Comunidades e sectores

Madrid continúa liderando a clasificación por Comunidades Autónomas, cun 39 % de mulleres en postos directivos, seguida por Cataluña, cun 34 % e Galicia cun 33 %. Por detrás seguen Andalucía cun 29 %, a Comunidade Valenciana cun 26 % e o País Vasco cun 23 % de directivas.

O estudo tamén analiza as principais posicións laborais que ocupan as mulleres en España e revela que o número de mulleres CEO caeu dous puntos respecto a 2020, pasando do 25 % ao 23 %. Os departamentos de recursos humanos son os que contan con máis mulleres directivas, cun 36 %. Séguenlle as áreas de dirección financeira, cun 32 %; de Operacións, cun 28 %, e Marketing, cun 25 %. Á cola da clasificación na tipoloxía de postos sitúanse a Dirección Comercial, con 14 % e as áreas relacionadas coa dirección e estratexia tecnolóxica, cun 12 %.

Acceso equitativo e flexibilidade

Entres as principais medidas que as compañías españolas puxeron en marcha para mellorar a igualdade de xénero nos seus equipos destacan as accións para garantir un acceso equitativo ás oportunidades de desenvolvemento laboral así como a implementación de políticas de traballo flexible e de conciliación. Un 35 % de empresas españolas aplican ambas as estratexias nas súas organizacións. Séguelle a creación de culturas corporativas inclusivas cun 32 %, a revisión dos procedementos de contratación cun 26 % e o desenvolvemento de programas de mentoring e coaching cun 23 %.

Durante clausura do evento, a Ministra de Igualdade Irene Montero expuxo a súa visión sobre como afrontar a situación de diversidade de xénero actual. Montero asegurou que “superar a crise dos coidados, reorganizar os usos do tempo na nosa sociedade e lograr un mundo laboral plenamente igualitario, digno e decente é un reto que debemos abordar da man, desde a empresa e desde as administracións públicas”.

(Extracto da reportaxe publicada no número 358 – marzo 2021)



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)