Publicidade

Galicia calidade produto


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

“É certo que hai unha crise sanitaria pero tamén hai unha crise económica, e ambas teñen que preocuparnos”



TERESA ROCAMONDE CON FOTOS DE MIGUEL MUÑIZ · PUBLICADO O 24 DE MARZO DE 2021 · (0)




O 29 de novembro de 2019 Alberto Varela, alcalde de Vilagarcía de Arousa, tomaba posesión como presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias. Pouco podía imaxinar o que pasaría apenas unhas semanas despois, unha situación que cambiou completamente o mundo e as prioridades. Tamén para os xestores locais, os que mellor coñecen o día a día da cidadanía, das familias e das empresas.

Asumiu o cargo apenas 3 meses antes de decretarse o estado de alarma. Podía chegar a imaxinar na toma de posesión o que estaba por chegar?

Non! Cando os compañeiros me propoñen ser presidente da Fegamp as preocupacións dos Concellos eran outras. Non é que desapareceran, seguen estando sobre a mesa cuestións de competencias, de financiamento… pero nunca imaxinei ter que dar voz aos Concellos nunha situación de pandemia mundial que obrigou as administracións locais a ter un papel moi activo. Tivemos que asumir moitas funcións a maiores das que nos corresponderían ordinariamente e sen recursos adicionais. O que non cambiou neste tempo é que a administración local segue a ser a máis maltratada de todas.

O ano 2019 foi especialmente bo para vostede: gaña as eleccións municipais con maioría absoluta en Vilagarcía e convértese en presidente da Fegamp e nun dos grandes valores do PSdeG. Imaxinaba en 2015 esta carreira política?

Evidentemente a todo o mundo lle gusta que se recoñeza o seu traballo, non o meu senón o de todo o grupo municipal do Goberno vilagarcián. Obter o respaldo a ese traballo supuxo un impulso anímico importante, porque entendemos que a xente viu o esforzo e o traballo que realizamos e o proxecto que tiñamos para a nosa vila. Catro anos non chegan para pór en marcha moitas cousas e renovar o apoio permitiranos seguir avanzando nese labor. Iso creo foi o máis satisfactorio a nivel político, o respaldo a todo o traballo feito nos catro anos anteriores.

Na toma de posesión como presidente da Fegamp, o seu predecesor destacaba a importancia do consenso entre administracións. Vostede asegurou nalgunha ocasión que, como alcalde, tivéralle gustado unha relación máis fluída coa Xunta. Conseguiuno desde a Fegamp?

Cada administración, evidentemente, trata de defender os seus intereses, que non sempre son coincidentes, aínda que iso custa ás veces explicarllo á cidadanía. Neste ano que levamos á fronte da Fegamp foron moitas as reivindicacións que fixemos neste sentido, sobre todo no referente ao fluxo de información, que afecta directamente á coordinación entre administracións. A última vez foi na Comisión de Cooperación Local hai escasos días onde pedimos de novo que, cando se tomen decisións que van ser xestionadas polos Concellos, sexamos partícipes dese debate porque posiblemente a decisión que se tome sexa moito máis consciente e atinada.

Hai uns meses denunciaban a falta de información sobre a situación sanitaria local. Sentíronse abandonados durante este último ano? Cambiou a actuación neste eido?

Esa foi unha das peticións máis repetidas polos responsables municipais e parece que está sendo escoitada. Ao principio non se nos facilitaba ningunha información, polo que non sabiamos cal era a situación nos nosos municipios á hora de tomar determinadas decisións. Agora tanto os gobernos locais como toda a cidadanía pode coñecer a información da súa vila de forma actualizada. As reivindicacións do municipalismo foron escoitadas e creo que ese é o camiño correcto. Confío en que vai ser a maneira de traballar a partir de agora […]

Tamén reclaman desde hai meses fondos adicionais para os concellos que, ao contrario que outras administracións, están afrontando cos recursos que tiñan novas situacións provocadas pola covid. E insistía hai uns días ante a conselleira de Política Social. Cales foron as principais actuacións que tiveron afrontar nestes meses?

O primeiro –e máis delicado– foi ter que tomar decisións de maneira moi rápida e sen termos case información. Ao principio, o Ministerio e a Consellería de Sanidade recibían información pero os Concellos non, ou non a tiñamos cando a necesitábamos. Iso provocou que moitos responsables locais tiveramos a percepción de estar tomando decisións a cegas. E, aínda así, estivemos sempre a disposición das autoridades sanitarias e fixemos de todo […]

Teñen xa unha primeira estimación do que supuxo ese incremento da demanda de axuda social?

Segundo os estudos da propia Federación, en Galicia o incremento foi de 6 millóns de euros cada mes, a maiores do que xa se destinaba a servizos sociais. Nestes meses 17.000 persoas que nunca acudiran aos servizos sociais precisaron dalgún tipo de axuda e iso obrigounos a facer moitos números e a botarlle moita imaxinación para poder afrontar máis gastos con menos ingresos.

O alcalde de Vigo e presidente da FEMP pediu que os fondos europeos para a reconstrución se asignen directamente aos Gobernos locais, por concorrencia competitiva e sen pasar polas CC.AA. nin de forma territorializada. Por que, e que proxectos se presentarían a estas axudas?

Eu creo que é evidente que as administracións locais deben recibir eses fondos. Desde a Federación Galega concordamos coa FEMP e, ademais, creo que niso estamos de acordo todas as formacións políticas aquí representadas. Non se entendería que as nosas cidades e os nosos concellos non se visen beneficiados nese reparto de fondos europeos despois do papel activo que tivemos –e seguimos tendo– en toda a xestión da crise sanitaria. O que tamén pedimos é máis información e comunicación, porque non está sendo todo o fluída que desexamos, pero tampouco estamos esperando de brazos cruzados. […]

É evidente que as consecuencias da pandemia afectan a toda a sociedade pero hai sectores e colectivos especialmente sensibles como son a hostalería, o turismo e o pequeno comercio. Que mensaxe lles trasladaría desde aquí?

Sabemos que están nunha situación de extrema necesidade. É certo que hai unha crise sanitaria pero tamén hai unha crise económica, e ambas teñen que preocuparnos. Hai colectivos que están facendo máis ruído, ou que teñen máis voz nos medios, pero hai outros menos visibles que están pasándoo igual de mal; falo das axencias de viaxes, por exemplo, que aínda que poidan abrir non teñen actividade algunha, ou iniciativas destinadas a persoas maiores ou ao ocio infantil que tampouco están traballando con normalidade… Non podemos esquecernos de todos eses sectores e as administracións, todas sen excepción, deben ter un compromiso claro con eles. Se aceptamos que a saúde esixe certos sacrificios, debemos ter igual claras as ferramentas para paliar os seus efectos e pór os recursos para que ninguén quede atrás. Por iso é moi importante habilitar todo tipo de medidas de protección social: axudas directas, exención de impostos e taxas, ingreso mínimo vital… e facelas chegar a quen as precisa. É un compromiso que debemos adoptar de forma clara todas as administracións. 

Como dicía ao inicio desta conversa, a pandemia cambiou totalmente a axenda, pero non desapareceron cuestións básicas relativas ao municipalismo, como as reclamacións dunha maior autonomía local, o debate sobre as fusións de municipios e o papel das deputacións. Se lle parece comezamos por esta última. Teñen sentido as Deputacións no s. XXI?

Todo depende das funcións que realicen e, sobre todo, de como as realicen. As Deputacións deben auxiliar os Concellos que teñen menor capacidade, e se o fan con transparencia e cun reparto equitativo, a súa función está máis que xustificada. […]

Como representante de 313 concellos galegos, ve viable o actual mapa municipal?

Houbo intentos por fomentar as fusións e a realidade é que non funcionaron. Forzar fusións con incentivos non é a solución. Hai que pensar que en Galicia a identidade territorial está moi presente e é difícil reverter esa mentalidade. Eu creo que se poderían explorar outras vías como mancomunar servizos, promover mancomunidades de concellos voluntarias que permitan abaratar custos e prestar servizos máis eficientes.

O despoboamento e o envellecemento son dous graves problemas, especialmente en Galicia. Das 5 provincias españolas nas que o sistema de pensións actual é xa inviable –hai un cotizante por cada pensionista– dúas son galegas. E nunha delas xa hai máis pensionistas que afiliados á Seguridade Social. Como valoran esta situación desde as entidades locais e como propoñen afrontala?

O primeiro que debemos ter presente é que hai 313 concellos en Galicia con situacións completamente diferentes, porque nada teñen que as grandes cidades con concellos pequenos ou o interior coa costa. Eu creo que o tema demográfico é moi grave e debemos tomalo en serio, con medidas ben planificadas e sen improvisar, aínda que creo que non son os Concellos as administracións máis adecuadas para afrontar este tema. É evidente que hai que igualar oportunidades para que a xente poida asentarse en territorios máis pequenos e iso implica ofrecer actividade económica viable pero tamén servizos: centros de día, residencias, gardarías, mellores infraestruturas… e iso non se está facendo.

Cando o secretario xeral do PSdeG anunciou a súa candidatura á FEGAMP presentouno como “unha nova xeración de alcaldes que representan a Galicia que queremos para o futuro”. Como é a Galicia que lle gustaría deixar á próxima xeración?

Uf, diría que un mundo mellor pero non vou ser tan pretensioso. Confórmome con deixarlle un concello mellor que o que recibín, unha cidade máis humana, con mellores infraestruturas e cunha administración que pense en todos os sectores. Esta foi a miña pretensión desde que cheguei ao Concello e nestes anos, desde o 2015 ata o 2020, incrementamos nun millón de euros o orzamento para servizos sociais. Non queremos deixar a ninguén fóra e para iso mesmo asumimos competencias que non nos corresponden, por exemplo en temas de emprego ou dando axudas directas ao comercio local. A nosa cidade ten moitas potencialidades e quero explotalas. Iso como alcalde, como presidente da Fegamp quero avanzar na delimitación de competencias e, sobre todo, conseguir que o resto de administracións nos vexa, e nos trate, en igualdade de condicións, que somos a administración que vertebra o territorio e por iso debemos estar presentes na toma de decisión e ter suficiencia financeira para atender as moitas demandas dos nosos veciños e veciñas.

E xa para rematar, en clave política e persoal… É evidente que é un dos pesos pesados do PSdeG e que o seu nome soa para futuros postos clave. Estaría disposto a asumir novos retos? Como se ve a medio prazo?

Eu son o alcalde de Vilagarcía e estou moi agradecido ao meu partido polo apoio que me deu para chegar aquí. Non todo o mundo que está nun proxecto político ten oportunidade de dirixir. Eu xa tiven esa oportunidade e sempre estarei agradecido ao PSdeG por iso. E tamén por iso estarei alí onde me digan, porque creo profundamente nos ideais que defende o meu partido e no proxecto. Traballarei onde se me precise e, cando me toque impulsar os proxectos doutros, estarei como simple militante. O meu único obxectivo agora é traballar por e para Vilagarcía e para os Concellos galegos, que é o labor que me encomendaron e que asumo con orgullo e coa máxima responsabilidade.

(Extracto da entrevista publicada no número 358 – marzo 2021)



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)