Publicidade

Ourense Termal


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Vías sen trens



PUBLICADO O 27 DE MAIO DE 2015 · (0)




Usuarios de Renfe en Galicia veñen de amosar a súa carraxe ante o anuncio da posta en marcha da alta velocidade na liña do Eixe Atlántico que consideran “pura propaganda”. Denuncian, entre outras cousas, que apenas lles supón adianto algún e, en cambio, si que lles trouxo numerosos inconvenientes. Aos atrasos e molestias que padeceron durante anos por mor das obras da tan célebre liña, únese agora “a escaseza de frecuencias, cambios ilóxicos nos horarios e o desmantelamento do servizo de cercanías”.

Así o asegura a portavoz do colectivo, Luisa Diéguez, que suma a todo isto a completa desatención –cando non “maltrato”– do persoal de Renfe. Así ocorreu hai uns días cando acudiron ao xefe comercial da Coruña a entregar case 500 sinaturas de usuarios da citada liña solicitando, precisamente, unha mellor adaptación dos horarios ás necesidades dos viaxeiros e que mesmo “se negaba a rexistrar a entrega”, tras dicirlles de “moi malas maneiras que cadaquén tiña que resolver a súa vida”.

Fontes de Renfe consultadas por ECO con motivo destas queixas resaltan que a compañía “aposta por unha política de Atención ao Cliente por todas as súas canles e posúe departamentos especializados en coñecer o usuario e en dar respuesta ás reclamacións que se poidan plantexar para ofrecer unha asistencia directa e eficiente”. Indican ademais que se estableceu un “servizo extraordinario de atención ai cliente durante 15 días nas estacións de maior afluencia para orientar os viaxeiros sobre os horarios, a utilización das máquinas autoventa ou os novos servizos”.

Non entran, non obstante, na denuncia concreta deste colectivo, que coñece ben o que é lidar coa Rede Nacional de Ferrocarrís. A propia Luisa, usuaria diaria deste servizo desde hai máis de 16 anos, ten levado a cabo xa numerosas iniciativas –mesmo no Congreso– para mellorar o seu funcionamento. Unha desas demandas foi a “adecuación dos horarios”, especialmente nas horas punta, ás necesidades reais da sociedade, unha petición escoitada –non sen esforzo– no seu día e que agora volve estar de actualidade.

Os usuarios que parten de Santiago, como a propia Luisa, só teñen trens ás 8.17, ás 9.03 e ás 10.10 h, “cando a maioría da xente entra a traballar ás 9 ou ás 10”. Por tanto, explican, ou chegan ás 8.17 da mañá e esperan 45 minutos para entrar a traballar ou chegan tarde. “Para que nos serve a alta velocidade? Para esperar máis tempo na cafetería?”, preguntan.

A iso únese que o seguinte tren non chega ata case as 12 da mañá e que a xente que sae de traballar ás 14:00 h na Coruña ten que agardar unha hora para coller un tren de volta. Isto “desanima a usar o transporte público que tanto empeño poñen as administracións en promocionar só de 'boquilla', á vista dos feitos”, explica o colectivo, que denuncia a súa situación porque é a que “coñecen e sofren, pero que é igual á de tantos usuarios de toda Galicia”.

Desvertebración do rural

O certo é que a situación doutros usuarios é aínda peor, posto que á falta de frecuencias únese a eliminación de paradas que daban servizo a zonas rurais onde o tren é unha das opcións que tiña moita xente para desprazarse, especialmente a poboación de máis idade. E iso sen entrar na total falta de convivencia do tren e o autobús, dous medios que deberían estar interconectados, cando menos, nas zonas urbanas e que non o están nin nas grandes cidades.

Tanto Renfe como a ministra de Fomento enxalzaron sen descanso estes días a mellora nos tempos de viaxe –que entre A Coruña e Santiago apenas chega aos 5 minutos–, e o aumento dun 40 % das prazas de viaxeiros, pero o que se precisa “non son máis prazas senón trens máis pequenos e moitas máis frecuencias” para facer deste transporte un “servizo público e útil”.

Non son os únicos que pensan isto. Xosé Carlos Fernández Díaz, enxeñeiro de obras públicas aseguraba en La Voz de Galicia que dispor de trens con máis capacidade só lle serve a Renfe para “aforrar persoal pero xoga en contra de establecer máis frecuencias e unha máis ampla oferta de horarios”. A isto súmanse as denuncias feitas polo comité de empresa de Adif Pontevedra e polo sindicato CGT sobre “deficiencias” na posta en marcha destes trens rápidos, con “perigo potencial” en diversos puntos.

Renfe nega que se teñan suprimido trens e fala dunha “reconfiguración da oferta” que motivou a “modificación horaria nalgúns servizos”; servizos que, asegura, “se ampliaron de maneira xeralizada” compensando con máis paradas aos “núcleos de poboación polos que pasa o Eixe Atlántico” e sumando aos novos servizos rápidos, “servizos de proximidade que conectan as diferentes poboacións do corredor cos principais núcleos urbanos”, ao tempo que insisten no mantemento das tarifas e na mellora dos tempos de viaxe.

Explicacións que non responden ás demandas da plataforma de afectados da liña Santiago-Coruña que o teñen claro: “Se alguén mellorou coa posta en marcha dos trens rápidos foi por azar”, pero non porque haxa un estudo das necesidades reais “nin a máis mínima preocupación por coñecelas e darlles unha resposta axeitada”. Luisa Diéguez é máis categórica: “Se non tiñan intención de prestar un servizo mellor, para que este gasto multimillonario?”. 

Texto: Teresa Rocamonde

(Reportaxe publicada no número de abril de eco)



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)