Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Galicia non esquece os heroes e heroínas desta pandemia



REDACCIÓN · PUBLICADO O 29 DE XULLO DE 2021 · (0)




A vacinación contra o SARS-CoV-2 reduciu drasticamente a incidencia do virus nas residencias de maiores e persoas con discapacidade, os espazos máis afectados durante a fase crítica da pandemia. Unha dificilísima etapa na que Galicia contou con máis de 18.000 profesionais sociosanitarios totalmente implicados no coidado físico e emocional das persoas residentes.

Afortunadamente, agora vese como algo pasado ou afastado no tempo, pero hai apenas uns meses as residencias de maiores e de persoas con discapacidade encollían o corazón de todo o país. A covid-19 atacaba con especial virulencia as persoas máis vulnerables, entre elas as que residían nestes espazos, o que esixiu centrar todos os esforzos na súa protección. Para iso, estas instalacións convertéronse en auténticas fortalezas nas que ninguén podía entrar nin saír sen unha causa xustificada. Os protagonistas e verdadeiros heroes foron os propios residentes, que tras unha vida de esforzos non imaxinaban ter que vivir esta última batalla, pero tamén os seus coidadores, un persoal sociosanitario que puxo os seus días ao dispor dos que máis necesitaban apoio e coidado.

A organización dun centro sociosanitario converteuse nun exercicio de precisión. Así relata Javier Vázquez, actual xefe territorial da Consellería de Política Social, a súa experiencia ao mando da residencia pública As Gándaras, en Lugo: “Quendas para comer, respectar os protocolos sanitarios, realizar probas constantes, coordinar a comunicación entre departamentos, cadrar os horarios de visitas e, todo, sen esquecer a parte máis humana e emocional dun momento como este”. Javier Vázquez asumía a dirección do centro lucense en xullo de 2020. “Collín as rendas da residencia nun punto moi duro. Foron momentos de moita ansiedade, pero esa ansiedade facíache estar activo. O traballo en equipo e un alto nivel de implicación por parte dos profesionais permitiron que non tivésemos ningún caso entre os residentes”, sinala.

En Galicia existen máis de 18.000 traballadores sociosanitarios que coidan a 22.000 persoas maiores e a máis de 2.000 persoas con discapacidade. Son a parte oculta, pero tamén protagonista, desta difícil situación. “Os residentes eran o que nos motivaba a traballar. Días antes de Nadal unha usuaria chegou a pedirnos saír para comprar os agasallos dos seus netos cando só se permitían saídas xustificadas para ir ao médico e pouco máis. Eses momentos tan emotivos empuxábannos a facer todo o posible para devolverlles a normalidade”, relata Vázquez.

Soñando cun mojito en Campolongo

Mesma sensación compartían na residencia pública de Campolongo, en Pontevedra. A directora deste centro, Maite Caneda, conta que o momento máis alegre era cando trasladaban o resultado dos cribados que certificaban que non había contaxios. Uns minutos de felicidade que pronto se volvían a transformar en incerteza. “O ambiente era un tanto solemne, ninguén sabía como actuar, pero iso permitíanos tamén ser estritos e ter moito coidado co contacto e a hixiene”.

Caneda asegura que tanto familiares como usuarios tiñan confianza cega nas medidas recomendadas e cumpríanas de forma estrita. “O que peor levaban era non poder ter contacto cos compañeiros que estaban noutros sectores. Iso e non saír á rúa. Tiñamos que enxeñárnolas para buscar actividades que lles axudasen a ter a cabeza ocupada”, sinala, “e sempre soñando con irmos tomar un mojito todos xuntos cando todo acabase!”.

Os profesionais do centro de Campolongo elaboraron sobremesas caseiras para cambiar o menú e mesmo se inaugurou unha terraza onde os usuarios podían tomar o café e permitir que o aire fresco entrase de novo na residencia. Tamén aumentaron as merendas que antes da covid-19 apenas se frecuentaban e convertéronse nos mellores momentos de conversación. “Cando nos permitiron realizar as primeiras saídas a domicilios, tanto familiares como usuarios dicíannos que preferían quedar, que na residencia atopábanse seguros”, lembra a directora.

Vocacións recuperadas

Afastados das súas familias e amigos, os usuarios pasaron longos meses sen contacto co exterior. “Para min un dos momentos máis emocionantes foron as videochamadas que faciamos coas súas familias. A información a eles e entre eles converteuse nun dos traballos fundamentais”, asegura Néstor Pena, auxiliar de enfermería no Cegadi, un dos centros integrados postos en marcha polo Goberno galego para illar os usuarios positivos en covid-19.

Pena recuperou a súa vella profesión logo de que a pandemia anulase todas as verbenas e o deixase sen o seu traballo como cantante de orquestra: “A covid permitiume recuperar unha vocación apagada que me serviu para vivir unha experiencia inesquecible”, asegura. De feito, actualmente continúa dedicándose á enfermería xa desde un hospital. Asegura que afrontou con valentía a oportunidade de traballar nunha residencia nun momento tan duro no que “había que estar ao 200 % e non pasaba un día no que non caesen bágoas de emoción, pero mereceu a pena. Unha das miñas ilusións é volver ver as persoas que pasaron polo Cegadi. Voumas levar sempre no recordo”, relata.

Foi unha experiencia e un sentimento que compartiron os traballadores e usuarios de residencias das catro provincias de Galicia. Xurxo Fernández, director do centro de Castro Caldelas, lembra como durante moitas semanas eles –profesionais da medicina, a enfermería, auxiliares, xerontólogos e resto do persoal da residencia–, convertéronse no único contacto dos maiores co exterior. “Supoño que pasar por estes momentos de tensión e estrés, pero tamén de alegría e confianza, uniunos máis a todos”, recoñece Xurxo Fernández.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)