Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Bandeira azul para dez portos de Galicia Calidade



REDACCIÓN · PUBLICADO O 30 DE XULLO DE 2021 · (0)




Dos 11 portos deportivos que obtiveron bandeira azul este ano, 10 están amparados por Galicia Calidade. En total, a marca de garantía galega avala a calidade de 14 instalacións náutico deportivas de Galicia, e a nosa comunidade lidera o número de náuticos con Q de Calidade Turística de España, con seis de cada dez instalacións certificadas. Un bo facer que xa se nota no aumento da demanda nas últimas semanas.

O sector do turismo náutico iniciou xa a súa tempada alta e as previsións son boas, cun notable incremento da demanda nos portos deportivos e clubs náuticos de Galicia que auguran unha bo verán. Sen dúbida, un dos aspectos con maior relevancia nesta recuperación é o bo facer do sector nos últimos anos e que volveu confirmar hai uns días a concesión das bandeiras azuis para este 2021. Once portos deportivos obtiveron o distintivo de calidade que cada ano outorga a Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (Adeac) de cara á tempada estival. E deses once, dez contan co selo Galicia Calidade e forman parte da plataforma Galicia Calidade Lecer, na que hai xa 14 clubs náuticos.

Este ano contan con Bandeira Azul as dársenas de Ribadeo, Real Club Náutico de Portosín, Real Club Náutico da Coruña, Club Náutico de Sada, Club Náutico Boiro, Cangas, Real Club Náutico de Sanxenxo, Nauta Sanxenxo, Monte Real Club de Iates de Baiona e Club Náutico de Portonovo. Portos de Galicia felicitou os xestores destas instalacións náuticas por este recoñecemento e resaltou o esforzo realizado polos clubs náuticos, marinas e empresas especializadas para cumprir cos esixentes parámetros avaliados para acceder ao distintivo.

Desde Galicia Calidade tamén destacan o gran traballo realizado para situar as instalacións galegas como referentes estatais no sector da náutica de recreo e recordan que, ademais dos dez náuticos con bandeira azul, hai outros catro que superaron os requisitos establecidos pola marca de garantía da Consellería de Economía, Emprego e Industria: o Club Náutico Deportivo de Riveira, o Club Náutico Ría de Ares, o Real Club Náutico de Vigo e o Club Náutico San Vicente do Mar. Estes recoñecementos avalan a calidade das instalacións náutico-deportivas de Galicia, comunidade que lidera o número de náuticos con Q de Calidade Turística de España, con seis de cada dez instalacións certificadas.

A distinción Bandeira Azul certifica a calidade das instalacións náuticas en diversos aspectos como a prestación de servizos de calidade aos usuarios, a ordenación e limpeza das instalacións portuarias, a elaboración de programas de sensibilización ambiental ou a implantación de sistemas de xestión ambiental.

(Extracto da reportaxe publicada no número 362 – xullo 2021)



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)