Publicidade

Ourense Termal


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

“Hai tamén alegrías na política, claro que si”



TERESA ROCAMONDE - FOTOS: MIGUEL MUÑIZ · PUBLICADO O 30 DE MAIO DE 2016 · (0)




Miguel Ángel Santalices leva catro meses presidindo o Parlamento galego, ao que chegou tras unha longa traxectoria, tanto na propia institución como na vida política e administrativa de Galicia. Licenciado en Medicina e Cirurxía pola USC e funcionario da Xunta, é membro do Comité Executivo do PP de Ourense e do PPdG. Deputado no Parlamento galego desde 1998 ocupou diversos cargos no mesmo nas últimas lexislaturas ata a súa elección como presidente o pasado 26 de xaneiro.

Despois da longa experiencia que tiña no Parlamento, como viviu estes primeiros meses na Presidencia?

Con moita intensidade porque, aínda que estaba na vicepresidencia, hai moitas cousas que se me escapaban, non na mecánica parlamentaria –que xa a coñecía ben– senón na representatividade que ten o Parlamento que, como primeiro institución, ten que estar presente en practicamente todo o que acontece en Galicia e iso xera un plus de dedicación que non tiña suficientemente valorado e que estou vivindo agora. É certo que eu tamén “cargo” con certas cuestións que, para min, teñen unha especial relevancia, como é todo o relacionado co social. A min marcoume moito ser director do Hospital Psiquiátrico de Toén, en Ourense, e todo o que podo facer por colectivos do ámbito social… saben que me teñen.

É un bo momento para falar do “social” agora que mesmo a Xunta vén de crear Consellería propia…

Hai un cambio e eu creo que isto é moi interesante. Para min é moi satisfactorio que se intensifiquen as políticas sociais porque hai moitas necesidades e a xente precisa que esteamos pendentes deles. Eu son titor dun enfermo mental –xunto con Manolecho Cabaleiro, que é realmente quen leva o peso deste labor– da miña etapa como director en Toén e coñezo as dificultades que leva iso a todos os niveis. Aí é cando te das conta da importancia que teñen os colectivos sociais e da importancia de apoialos e apoiar as persoas que se atopan con estas situacións, que poden romper unha familia. Por iso estou moi sensibilizado con estes temas e poder traballar neles agrádame moito.

Foi moi emotivo o momento do discurso de toma de posesión no que recordou o seu pai e o desgusto que levou cando entrou vostede en política e díxolle que “tamén hai días agradables”. Cre que quedaría tranquilo ou, á vista de como anda a política, tería razón seu pai…

É verdade que meu pai levou un desgusto e, agora, a toro pasado, estou un pouco arrepentido de telo dito porque estaba alí miña nai e emocionouse moito. Pero era como o sentía; meu pai non quería que me complicara a vida nun momento en que estaba moi ben valorado no hospital e tiña un porvir. Tamén houbo quen lle quixo dar a volta a isto falando de que non quería que dera o paso en Ourense… eu dino onde era. E non me arrepinto porque é verdade: a política ten días malos pero tamén os ten moi bos: por exemplo, o día que aprobamos a lei de dignidade dos enfermos terminais co consenso dos 75 deputados. Eu sei que esta lei vai apoiar moito o traballo que fan os nosos profesionais. Era unha lei que non podía contemplar a obxección de conciencia senón a boa praxe médica, e así foi; e ademais inclúe a atención primaria, permitindo que o enfermo terminal poida morrer na casa sen ningún tipo de dor grazas á axuda dun profesional. Foi unha lei importantísima para todos os galegos… por tanto, hai tamén alegrías na política, claro que si.

Dicía vostede que entrou na política en Ourense, que é a súa provincia… Sempre se lle relaciona –no marco das familias políticas– coa de José Luis Baltar, un home cunha forma particular de entender a xestionar a cousa pública, moi diferente á que teñen os actuais xestores. Cambiou moito a política –e os políticos– nos últimos anos?

Eu entrei en política da man de José Luis Baltar, que me ofertou un proxecto galeguista, centrista e reformista. E a min gustoume, porque eu veño dunha familia de galeguistas; como sabes, meu tío avó era un músico de recoñecido prestixio [Faustino Santalices], e eu esa cultura galeguista téñoa. E con Xosé Luis Baltar aprendín moito. Desde a óptica da proximidade coa xente é un político irrepetible; non volverá a haber un político coma el, que coñecía a todo o mundo, estaba no medio da xente… Era o político máis próximo que coñecín e esa capacidade de estar entre a xente, escoitala e saber cales son os seus problemas hoxe bótase moitos de menos. Eu procuro sempre dicirlles aos meus compañeiros que, aparte do traballo de despacho, está o traballo coa xente, porque se non somos capaces de escoitalos non poderemos xestionar os seus problemas nin transmitirlles o que xestionamos. Neste momento creo que estamos reflexionando sobre determinadas cousas que pasaron na política e estamos volvendo ao que foi sempre o Partido Popular: un partido metido entre a xente. E o líder desa proximidade foi José Luis Baltar, sen ningunha dúbida.

Cre que esa “desconexión” entre sociedade e políticos é a responsable desa palabra tan de moda agora, “desafección”, e de todo o que está a pasar no país?

Hai unha desafección cara á política e cara á xente que traballamos na política, e nós non podemos ter medo da xente; se alguén vén dicirnos algo o que temos é que falar con el. Creo que niso hai que ser moi valentes. A sociedade ten sufrido moito e sen non a escoitamos e percibimos o seu sufrimento pouco poderemos facer para alivialo. O esforzo feito pola xente para poder superar esta última etapa tan complicada foi moi grande. Eu creo que aquí era onde máis se precisaba estar no medo da xente. Fácil non era, pero os políticos temos que saber estar nos momentos complicados: nas inauguracións é moi fácil estar, pero o que mide a valía política é estar onde non gusta e dar a cara ante as dificultades.

(Extracto da entrevista completa, que se podera ler no número de xuño de eco)



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)