Publicidade

Ourense Termal


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Salvada! polo momento…



REDACCIÓN · PUBLICADO O 22 DE XUñO DE 2016 · (0)




Tras moitas reunións, asembleas e movementos, a Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) lograba onte aprobar o plan de viabilidade indispensable para solicitar a axuda financeira que lle permita sobrevivir. Non houbo votos en contra, pero a abstención foi case tanta como os votos a favor.

Un total de 90 votos a favor e 72 abstencións. Ese foi o resultado da asemblea xeral celebrada na sede da CEG na tarde de onte co fin de aprobar un plan de viabilidade tan necesario como doloroso para a patronal empresarial galega. Sen el, a única saída, tal como advertira días antes o seu presidente, Antonio Dieter Moure, era o concurso de acredores, incapaces de afrontar o pago de nóminas ou a hipoteca que pesa sobre a sede.

As federacións sectoriais e a patronal coruñesa foron os principais apoios da directiva galega, que agora ten por diante un labor non moito máis doado: lograr que algunha entidade bancaria aporte o millón e medio de euros que a patronal precisa para poder saír adiante, refinanciando a hipoteca que pesa sobre o edificio da súa sede, en pleno casco histórico de Santiago. Iso si, co plan de viabilidade na man, o camiño está algo máis despexado .

Non obstante na cuneta van quedar moitos proxectos, soños e mesmo persoas; de entrada as oito cuxos despidos recolle a folla de ruta aprobada, e que reducirán o cadro da CEG de 20 a 12 empregados. O custe da medida ascendería a 130.000 euros, aínda que se aprovisionaría unha cantidade equivalente para posibles reclamacións por desacordos na indemnización. A estes despidos habería que sumarlle outros catro se non se logra renovar o Plan Pexga, a rede de oficinas no exterior que xestiona a Confederación empresarial e que remata en decembro.

O resto dos traballadores verán reducidos os seus salarios entre un 5% e un 30%, o que permitirá a aforrar outros 22.000 euros mensuais. E deixarán de executarse os programas Galactea e Eurest mentres que o citado Pexga queda no aire, en espera das negociacións coa Xunta.

As Plataformas empresariais no exterior de Galicia viñan sendo a gran fonte de ingresos da CEG, con 1,8 millóns de euros dos 2,5 que ten consignados a institución nos seus presupostos, pero a súa continuidade está máis que cuestionada tras a demanda por gastos inxustificados que interpuxo o Goberno galego. Fontes da propia confederación móstranse escépticas con respecto a esta renovación ao non térense iniciado as conversas e estar en “ano electoral”. 

Malia todo, Moure mostrábase optimista tras a asemblea de onte e agarda poder pechar negociar nas próximas horas o indispensable financiamento bancario que saque a flote o barco antes de que toque fondo irremediablemente.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)