Publicidade

Ourense Termal


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

“Nacín nunha casa que me axudou moitísimo”



TERESA ROCAMONDE · PUBLICADO O 29 DE XULLO DE 2016 · (0)




Toda a biblioteca e o arquivo persoal da poeta e académica da lingua galega Luz Pozo Garza repousa xa na Cidade da Cultura de Galicia. Hai uns días a autora facía efectiva a doazón nun acto celebrado no Gaiás que lle supuxo unha “fonda alegría”, malia que supón desfacerse do traballo e os recordos de toda unha vida. Mais o acto non supón unha despedida. Luz Pozo, que vén de publicar a súa última obra, asegura, aos seus 94 anos, que ten moitos proxectos pendentes.

O legado que vén de doar está conformado por arredor de 5.500 volumes, esencialmente de carácter literario e obras de consulta, pero tamén hai documentación epistolar entre Eduardo Moreiras –o seu marido– e Vicente Aleixandre, exemplares da propia obra da escritora e mesmo recortes de prensa e información publicada en diferentes medios sobre o seu legado literario. Por que decide cede todo ese material tan valioso no ámbito cultural pero máis aínda no persoal?

Eu ía cumprindo anos –xa teño 94– e coa idade, cada vez tiña unha preocupación maior sobre o futuro de todo iso que eu fun recompilando ao longo da miña vida. O meu fillo, que sabía do meu pensamento, falou cos outros fillos e eles foron os que pensaron nesta doazón, que permitirá ter toda a obra xunta: os libros irán á Biblioteca e os papeis e documentos ao Arquivo de Galicia. Van a estar separados e xuntos á vez con toda a garantía e a custodia que merecen, non porque sexan miñas ou mellores que outras senón porque son o traballo de moitos anos e hai papeis e cousas que son irrecuperables.

E non dá unha certa angustia desfacerse de todo iso?

Non, non, para nada. É unha alegría inmensa, inmensa, inmensa, que non se paga con nada. Un agradecemento grandísimo porque mellor que aquí imposible.

Pero hai algunha cousa que sacou do lote final, á que lle teña un aprecio especial?

Non, nada. Todo o que tiña está aquí, libros, documentos… todo. Mesmo os libros que lin eu antes dos sete anos, antes de marchar de Ribadeo –onde nacín– a Viveiro. Por iso sei que foi antes desa idade cando lin aqueles libros marabillosos da biblioteca de meu pai, que me entusiasmaban; choraba con eles e todo. E quería ser maior para sacarlles máis xugo, para entendelos mellor, aínda que xa os entendía bastante ben. Fun un pouco prematura para todo. Miña nai ensinoume a ler con tres anos e aos cinco solfexo. Despois fixen a carreira de piano, porque sempre me dicía “non deixes nada a medias, todo o que empeces, termínao”.

Foron esenciais aqueles primeiros anos para conformar a autora actual?

Si, eu creo que si. Nacín nunha casa que me axudou moitísimo tanto por como se vivía alí como por como me estimularon. Na nosa casa ceábase moi cedo, sobre as oito, porque despois, todos os días, se lía. Todos lían moi ben pero meu pai era excepcional, e líase de todo: poesía, prosa, ensaio en castelán, en galego e en francés. Liamos novelas enteiras, e a Rosalía de Castro –que entón non se coñecía moito–, e os poetas galegos…

(Extracto da entrevista completa, que se poderá ler no número de agosto de eco)



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)