Publicidade

Ourense Termal


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

O “green” galego



ESTHER GARRIDO · PUBLICADO O 05 DE AGOSTO DE 2016 · (0)




Dos 60 campos de golf do norte peninsular 21 están en Galicia, terra á que é fiel moito golfista do resto de España, un visitante “de calidade” que non só pon os pés sobre a herba. Non obstante o sector devece por crear máis canteira local e porque as instalacións deixen de verse como un capricho tan antiecolóxico como elitista.

Foron 45.000 as licencias que se perderon en toda España tras o paso da crise, polo que non sorprende que a Federación Galega de Golf manexase en 2015 un orzamento de 120.000 euros, inferior ao de 2008. Pero o peor xa pasou.

Aínda que os afeccionados claman por unha maior difusión do deporte vía campos de golf municipais para manter con vida os que temos, o golfista de paso é insubstituíble. Así que o apoio da Dirección Xeral de Turismo a este deporte está fóra de dúbida, mantén que atrae un turismo que pode desestacionalizarse e que aproveita a viaxe para facer máis cousas ca escoller paus. O golf como subproduto dunha oferta complementaria.

Todos a unha 

Con esa idea en mente naceu a Asociación Galicia Destino Golf hai pouco anos. Non reúne a todos os campos galegos –labor que lle corresponde á Federación Galega de Golf– pero si a unha boa parte xunto con casas de turismo rural, hoteis, adegas, restaurantes, balnearios e axencias de viaxes. Entre todos e vía touroperadores atraen ao golfista cun paquete completo: comida, cultura, campos ao carón de balnearios como o de Mondariz ou Guitiriz… Saben o que quere o xogador sénior de golf e danllo. O sector, no seu conxunto, achega a España uns 775 millóns de euros anuais segundo informe de Golf Business Partners “El impacto económico del Golf en España”. É sabido que o sur e o levante son as zonas cobizadas, pero Galicia ten tamén o seu oco non só atraendo a golfistas do norte europeo senón, sobre todo, do resto do Estado.

En clase

Pero por moito visitante que veña un deporte morre se non nutre a canteira do país e xera afección. Por esforzos que non quede: a Consellería de Cultura e a Federación Galega de Golf asinaban un acordo para que, nas zonas onde hai campos públicos, o golf formase parte do horario lectivo no curso 2013-2014. Comezouse pola Coruña pola proximidade do Campo Municipal, formouse aos profesores cun curso de 10 horas e a RFEG proveu aos colexios de kits de material. Non hai outra fórmula para implantar de forma masiva o deporte: campos públicos, prezos populares e canchas de prácticas preto das cidades, caso do da Torre coruñés con 1.900 abonados, o de Meis de Vigo e o de Silleda, que son municipais.

Fóra dos municipais é caro ser socio dun club de golf?

Depende de como o vexamos e do proveito que tiremos del. Por exemplo: a cota mensual familiar do Club de Golf Ría de Vigo é de 170 euros é a individual de 70. O de Meis, que é municipal, móvese entre unha cota familiar mensual de 51 euros e unha individual de 31. Os campos galegos de perfil medio que perderon socios cadran contas con torneos, ofertas familiares, green fees máis económicos…

Non é difícil atopar ofertas de fins de semana combinando golf con turismo termal e rural ou paquetes con clases de iniciación e perfeccionamento realizadas por monitores da Federación Galega de Golf e da Asociación Galicia Destino Golf. Ao longo do ano hai tamén varias citas de competición: o Circuíto de Golf Sénior, o torneo Ribeira Sacra Patrimonio da Humanidade Ladies Open, o Circuíto CENOR-Camiño de Santiago, o Torneo de golf Peregrinación no que participaron 170 golfistas que aproveitaron para facer un cruceiro pola Ría de Vigo, ou o I Circuito Galego de Golf Paradores de Galicia. 

Proxecto errado?

A oferta de campos galegos é máis ca suficiente pero non temos tipo links, os que están situados en zonas dunares preto do mar ao estilo dos de Escocia, Portugal ou Irlanda… 

(Extracto da reportaxe que se pode ler completa no número de agosto de eco)



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)