Publicidade

Ourense Termal


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

“Na enxeñaría e na literatura fanse obras. De diferentes estilos, pero obras as dúas”



TERESA ROCAMONDE · PUBLICADO O 30 DE SETEMBRO DE 2016 · (1)




Con oito anos gañou o seu primeiro concurso literario e desde entón María Canosa (Cee, 1978) non deixou de recoller premios… nin de escribir. Ten publicado poesía e prosa tanto para o público infantil e xuvenil como para adultos. Colabora con distintos medios de comunicación, como a Televisión de Galicia ou o xornal La Voz de Galicia, onde escribe unha columna de opinión, e participa asiduamente en fórums literarios, recitais poéticos e diversas iniciativas relacionadas coa cultura. Pero María Canosa non vive das letras, senón dos números, xa que a enxeñería é a que paga –polo de agora– as facturas.

Enxeñeira e escritora con máis obra publicada que a maioría dos autores “profesionais”. Como se logra iso?

(Ri) A verdade é que non sei o ritmo de publicacións que levan os demais, porque nin eu mesma controlo o meu. A creación e a saída á rúa levan tempos moi distintos. De feito, para min cada ano é diferente. Con todo, o que importa –nisto e noutros aspectos da vida– é a calidade, e non a cantidade. Fóra das comparacións, o de escribir desde que teño memoria e non deixar de facelo, aínda que fosen períodos máis ou menos intensos, débese a unha necesidade. Iso é para min a escrita: un oficio que necesito desenvolver por múltiples razóns, algunhas egoístas –faime sentir ben– e outras máis sociais. Eu creo na cultura propia, na identidade, na historia, na lingua… en nós, no noso ADN. E mellor xeito que teño de traballar pola nosa cultura é escribir. Ou, polo menos, crear historias.

Cando sentiches esa necesidade?

 Desde que empecei a saber xuntar palabras, e logo frases. Sempre conto que comecei a escribir sen saber facelo. Obviamente, ten truco. Eu inventaba poemas moi breves cando era unha pícara de tres aniños, ou así. Aprendía tres ou catro versos de memoria e recitáballos a meus pais, que os escribían nun caderno. A partir de entón, iso de procurar historias sempre me acompañou, irremediablemente.

 

Así que teus pais teñen un papel esencial nesta paixón…

Miña nai foi a “culpable” de que eu non tivese medo a escribir, a enfrontarme a un papel en branco… Hai nenos que na casa ven como se fai pan, se amañan zapatos... non sei. Na miña, unha das cousas que se facía era escribir e inventar contos. Así que simplemente copiei, resultaba algo natural. Ademais, sempre houbo libros na casa, xornais, publicacións… todos andabamos enleados no vicio da literatura dalgún xeito. O mellor dos meus pais foi valorar o traballo feito e animarme a mellorar, intentando corrixir pero evitando as críticas destrutivas.

Cando dás o paso de publicar?

Non din o paso: dérono por min. Cando tiña 13 anos pasaba o verán na aldea materna, cos meus primos, como sempre, pero ese ano deu en chover uns quince días seguidos. Ao non poder saír á rúa, decidín escribir unha noveliña. Era unha maneira de pasalo ben imaxinando as historias que o clima non nos deixaba argallar. E así naceu a miña primeira proposta literaria con corpo de libro. Só a fixen para divertirme pero, casualidades, cando volvín á escola atopei nun taboleiro de anuncios as bases dun concurso, o Rúa Nova. Presenteime e a sorpresa foi que me deron unha mención especial e convidáronme a unha cea de entrega de premios espectacular. O azar fixo que na mesa na que nos sentamos meus pais e eu estivese un home maior, que se sorprendeu do feliz que estaba aquela cativa que non levara o premio. Eu non sabía quen era, pero dixérame que traducira Platero e máis eu, así que ao chegar a casa mirei no libro e souben que era D. Manuel Beiras García, gran traballador da nosa cultura. El foi quen solicitou á organización o meu orixinal e o meu enderezo. Comezamos unha correspondencia epistolar fermosísima. Dicíame que algún día me publicarían o texto, pero que non tivese présa. O tempo pasou e souben do seu pasamento pola prensa. Sentino ben, e pensei que lle debía algo. Como era coetáneo de Díaz Pardo, chamei a Edicións do Castro, por se sabían algo do orixinal. Probei sorte e... dixéronme que non sabían como poñerse en contacto coa autora! Busquei un ilustrador amigo meu (Vicente Blanco) e o libro saíu á rúa. Por suposto, está dedicado a D. Manuel Beiras, a miña fada madriña das letras.

Malia ter xa obras e premios importantes cando inicias a carreira, optas por Enxeñería de Camiños, Canais e Portos…

Digamos que optei por intentar conxugar as disciplinas de ciencias e letras. Sempre me gustaron ambas pólas. De feito, nunca entendín por que parece que sexan excluíntes cando eu as entendo como complementarias… O caso é que eu non quería abandonar as ciencias nin as letras, así que optei por estudar ciencias e seguir traballando coas letras, aínda que para sacar adiante a carreira tiven que deixar de escribir moito, ao meu pesar, o que naquel momento resultaba desesperante. Agora, botando a vista atrás, creo que foi bo ter un descanso, reflexionar, madurar e cambiar. A miña literatura sempre leva parte de min nela, polo que darlle un pouco de acougo aos sentimentos tampouco lle veu mal. 

(Extracto da entrevista completa, que se poderá ler no número de outubro de eco)



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (1)



Simplemente xenial

01 de outubro de 2016

Encàntame a naturalidade coa que conta a súa vida e cómo fai fácil ver que non é tan distante e difícil escribir. A maneira tan directa de contar todo é o que a fai mais cercana , accesible e fácil de ler.