Publicidade

Cluster


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

“Con Trump as cousas son máis difíciles de proxectar, pero non creo que haxa mudanzas radicais”



ESTHER GARRIDO - FOTOS: MIGUEL MUÑIZ · PUBLICADO O 28 DE NOVEMBRO DE 2016 · (0)




Xulio Ríos é un dos grandes expertos galegos en política internacional, un moañés en perpetuo estado de observación con quen ECO ten a sorte de contar como colaborador. Malia que é un bo coñecedor da política chinesa –vén de publicar  China Moderna de Tibidabo ediciones–, poucas frontes se lle escapan. Falamos con el para saber se, na Era Trump, o mundo quedará tan do revés como se di.

Aínda que é cedo para saber dos movementos que decida facer o neoiorquino en política exterior, semella que o escenario pode vivir mudanzas. Cres nunha posible mellora de relacións coa Rusia de Putin?

Que pode supoñer en canto ao que se faga en Oriente Próximo? Trump foi moi crítico coa política exterior de Obama durante a campaña electoral pero as tensións bilaterais e os conflitos obedecen a causas profundas que van mais alá das expresións de simpatía ou antipatía persoal. Os poderes fácticos non facilitarán cambios drásticos en ningún escenario onde se dilucide un pulso estratéxico. O presidente do país máis poderoso do mundo non é o presidente máis poderoso do mundo, non podemos descartar que teña que lidar con dúas oposicións, a dos demócratas e a dos propios republicanos.

Se dá prioridade, como di, ás relación bilaterais entre estados, e dadas as forzas de disgregación que medran no seo da UE, a Bruxelas tócalle perder cada vez máis protagonismo?

A UE leva anos vivindo un proceso interno e acelerado de deconstrución. Con China hai tempo que ese marco bilateral é unha realidade, a UE apenas existe en termos efectivos. Están Alemaña, Francia, Reino Unido… Pero podería representar unha oportunidade para recuperar autoridade e discurso. Unha voz propia.

Unha recente enquisa recollía que aos chineses tanto lles tiña quen gañase, de feito as decisións tomadas por Obama na zona non lles acaían moito. Que movementos farán dende Beijing? Preocúpalles o cambio ou coidan que non lles afecta moito?

Hai que diferenciar niveis. No económico-comercial pode haber tensións pero China confía na negociación e no colchón de interdependencias mutuas. Se como anunciou vai impoñer elevados aranceis ás importacións chinesas, as primeiras vítimas poderían ser as multinacionais estadounidenses que fabrican na China, onde obteñen aínda enormes beneficios. E en xullo de 2016, China posuía 1,2 billóns de dólares en bonos do Tesouro… Se fracasa o TPP, para China non é mala noticia. Se os países de Asia-Pacífico entenden que Trump se desentende do futuro da rexión, a diferenza de H. Clinton que promoveu o Pivot to Asia, isto é unha bendición para a estratexia chinesa, pero pode acentuar un rexurdir perigoso do nacionalismo nipón. Podería aliviar a presión sobre a depreciación do yuan e as saídas de capital pero as negociacións sobre os investimentos poderían ser máis duras. Haberá vantaxes e inconvenientes.

Vés de publicar China Moderna, un traballo que asegura que o país vai camiño de ser o epicentro do mundo. A chegada de Trump facilitaralles o proceso?

A China fáltalle aínda un treito moi complicado, interna e externamente, para situarse de novo no epicentro do sistema internacional. Con ou sen Trump, ese camiño leva tempo trazado e persistirán nel, pero en termos estratéxicos, de confirmarse a viraxe de Trump, pode favorecer no inmediato os intereses da China. Pero paradoxalmente non debemos ignorar que esta China de hoxe é a maior militante contra o proteccionismo e a conquista dese epicentro pasa pola súa afirmación económica global.

(Extracto da entrevista completa que se poderá ler no número de decembro de eco)



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)