Publicidade

Ourense Termal


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

“A finais deste ano Senseitrade podería empezar a ser rendible”



ESTHER GARRIDO · PUBLICADO O 07 DE FEBREIRO DE 2017 · (0)




David Conde, CEO e co-fundador da APP Senseitrade, estaba a gusto traballando na banca privada, pero despois de dez anos decidiu que non ía a pasar o resto da vida facendo o mesmo e tentouno por libre. Primeiro con Twibex35, que foi como un banco de probas para o proxecto co que gañaría recoñecemento máis tarde o VíaGalicia 2015: unha aplicación que recomenda valores nos que investir en Bolsa baseándose en Twitter

Que pasou co teu primeiro proxecto?

Que o facía a tempo parcial, complementáabao co meu traballo e esa experiencia fíxome ver que, cando decides emprender algo, o mellor é dedicarlle todo o tempo que poidas. É complicado facer dúas cousas á vez.

Para quen é útil descargar Senseitrade?

Por unha banda para xente que está a aprender a moverse en Bolsa, porque temos unha demo na que podes probar e facer investimentos, os nosos indicadores son moi sinxelos de ler. Pero é útil tamén para xente máis profesional que leva tempo nos mercados, aínda que teñan outro tipo de ferramentas, confirmar esa análise con indicadores de sentimento de mercado e cos tuiteos resulta moi interesante. Saber que se está falando dunha acción axuda moito a ter unha idea de se é bo momento para mercar ou non.

Que tipo de investidores adoita haber na Bolsa española?

Pois desde xente que quere accede a ese mundo, que leu cousas en medios e foros está a empezar; ata xente que ten automatizada a súa estratexia e o que fai é configurar un robot para que faga operacións. Do menos ao máis profesional. Nós situámonos no medio, quizais tirando un pouco cara ao investidor menos profesional.

Nos últimos anos este interese investidor foi in crescendo, non formaba parte da cultura financeira deste país.

Si, cada vez hai mais xente interesada, sobre todo porque os tipos de interese están polo chan, os investimentos sen risco dan menos dun 0,5 %. E a Bolsa ofrece unha serie de accións que permiten conseguir rendibilidade sen ter que asumir un elevado risco como Telefónica ou Santander que, independentemente de como se mova o parqué, teñen un bo dividendo. En España hai moito percorrido porque tradicionalmente fomos un país moi pouco investidor en Bolsa se nos comparamos con Alemaña, Francia ou, xa non digamos, Estados Unidos.

Marcádesvos como obxectivo analizar outras fontes ademais de Twitter?

Si, non descartamos engadir outras redes porque seria moi importante poder analizar blogues de opinión, foros como Rankia onde hai miles de usuarios falando sobre Bolsa… aínda que suporá un esforzo técnico maior. Pero para este primeiro paso Twitter demostrounos que é unha ferramenta de predición que funciona ben e é na que estamos centrados.

Como rendibilizades a app?

O uso da app e os servizos básicos son gratuítos pero engadiremos servizos de valor que só estarán dispoñibles para usuarios Premium, será o seguinte paso. Agora, cando os nosos indicadores chegan a uns limiares dispárase unha alerta no servidor e facemos unha simulación de compra de acción, vemos o que pasaría e que rendibilidade obteríamos. Na seguinte versión poremos esas alertas en tempo real a disposición da xente pero como servizo Premium.

Ao pasar por ViaGalicia conseguíchedes préstamos. Canto de importante é ter diñeiro cando un empeza, ademais dunha boa idea? 

ViaGalicia dáche un pouco as dúas cousas. Axúdache a dar forma ao proxecto de negocio porque teñen mentores que maduran a idea contigo, pero o diñeiro é moi importante.

Ou sexa que o traballo das lanzadeiras é útil.

Si, porque axudan a ver que puntos debes mellorar e danche recursos. Se detectan unha necesidade pero non tes diñeiro para contratar a quen che axude é complicado. Así que provén tanto do consello como do recurso.

(Extracto da entrevista que se pode ler completa no número 309 – febreiro 2017)



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)