Publicidade

Cluster


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Bonsai: negocio e arte viva



TERESA ROCAMONDE · PUBLICADO O 08 DE MARZO DE 2017 · (0)




Cando falamos das posibilidades que ofrece o rural galego inmediatamente pensamos no procesado do leite, na artesanía, en novos usos forestais etc. Mais seguro que ninguén pensaría no cultivo de bonsais. E iso é o que fixo Alberto Baleato, que converteu a súa paixón na súa profesión e pode gabarse de ter o maior –e case único– viveiro de bonsais do noroeste peninsular. Kingii é unha auténtica xoia con relevancia internacional. E está en Val do Dubra. 

Hai uns 2.000 anos uns monxes taoístas chineses comezaron a cultivar árbores en testos. Collíanos da natureza e levábanos aos templos onde eran obxecto de culto. Máis de mil anos despois, os xaponeses copiaron a idea e déronlle unha nova vida, facendo deste cultivo unha auténtica arte que ten en Galicia máis seguidores dos que se pensa. Un deles, Alberto Baleato.

Era o ano 2003 cando un amigo chegou onda Alberto cun libro de bonsais e propúxolle intentar cultivar un. Así comezou o seu interese por esta milenaria arte, que o levou por medio mundo durante anos para coñecer todo sobre o bonsai ata que, hai dous, decidiu cambiar totalmente de vida. Deixou a súa profesión, a enfermería, e mudou as unidades de críticos polas terras do Dubra, onde se asenta Kingii, o seu viveiro-tenda que é, a día de hoxe, un referente en todo o noroeste peninsular.

Máis de 8.000 testos e máis mil árbores dan unha idea do que se pode atopar en Kingii e do esforzo que supón sacar adiante este proxecto, que ademais da tenda física conta con comercio online onde se poden adquirir non só os bonsais senón todo o que se precisa para cultivalos, desde substratos e ferramentas específicas ata os testos, tan importantes como a propia árbore. Tanto é así que a palabra 'bonsai' vén de 'bon' e 'sai' que significan 'bandexa' e 'cultivar'.

Unha boa árbore nun mal testo non vale nada, pero se tes unha árbore regular nun bo testo tes un gran bonsai”, asegura Alberto quen, malia contar con máis de 8.000 testos en Val do Dubra, non é capaz de dar resposta a todas as demandas que recibe. En Kingii hai desde testos do tamaño dun dedal ata grandes recipientes, algúns moi antigos e outros de novos artesáns chegados de todo o mundo; “tamén de Galicia”, explica Alberto mostrando un de factura viguesa. Evidentemente, de todo iso depende o prezo, que pode ir “dos dous euros ata o que se queira”, explica. Moitos dos que atesoura superan os 3.000. E todos levan impreso no fondo o cuño do taller e a firma do artesán, o que os converte en obxectos de culto por si mesmos.

Altura, anchura, material, laca, cor, pés… “todo inflúe á hora de elixir testo e, cando imos ao mundo profesional, feiras, mostras, congresos, catálogos etc., ao equilibrio entre árbore e testo hai que sumar a mesa na que se expón e o complemento que debe acompañar a cada bonsai”. Ese complemento pode ser unha planta (Kusamono ou shitakusa) ou unha pedra (suiseki) que serven para representar a estación do ano na que se mostra o bonsai. “Todo está perfectamente medido, como boa arte xaponesa”, explica Alberto. “De feito, en China aínda se mantén a tradición de buscar un resultado máis natural, con árbores máis parecidas ás que se dan na súa contorna natural, mentres que en Xapón modifícanse totalmente para convertelos en pezas de museo”. 

O valor do traballo

O auténtico valor dun bonsai está no tempo e no traballo investidos nel. “O material é barato”, asegura o experto, “pero non é o mesmo un bonsai dun ano que un de dez no que, ademais dos coidados que require toda planta, se traballou coas raíces, o tronco e as ramas para darlle unha determinada forma”. Aí radica o valor do bonsai. Alberto sacou o pasado ano da finca na que planta as árbores inicialmente uns 450 exemplares, que pasan aí un mínimo de catro anos. É a partir de aquí cando comeza o verdadeiro traballo.

Se se fai ben, o bonsai pode durar décadas ou séculos, tanto como a árbore normal, e calquera especie arbórea ou arbustiva pode ser cultivada como bonsai, aínda que as máis apreciadas polos afeccionados son as que teñen as follas pequenas de forma natural e resisten mellor o cultivo en maceta, como o olmo, o pradairo, o piñeiro, a oliveira etc. “En cambio, o que máis lle chama a atención á xente son as froiteiras; en canto lles saen as mazás pequeniñas ás mazanceiras non queda unha árbore”, detalla Alberto que durante anos aprendeu o cultivo do bonsai con algúns dos mellores mestres do mundo.

Xente como Juan Liñares, Marcial Campos, Carlos Barreiro ou con Salvatore Liporace, con quen traballou durante tres meses no seu viveiro en Italia no ano 2005. O ano seguinte tivo ocasión de ir traballar con David Benavente unha das persoas que máis lle ensinou de bonsai “pola súa gran capacidade didáctica”. Estivo no Museo Municipal de Bonsais de Alcobendas e, como non, en Xapón.

Agora trata de ensinarlles a outros o que el foi aprendendo nestes anos, por iso ao cultivo e venda, tanto no local do Dubra como a través de kingii.es,  suma tamén talleres e actividades formativas tanto de iniciación como destinadas a expertos, que organiza xunto con Leo e Luis Vila socios e amigos cos que puxo en marcha un grupo, “El tim”,  ao que que xa se sumaron moitos outros amantes do bonsai e que conta cun blogue propio, eltimbonsai.blogspot.com, un excelente escaparate dos moitos proxectos que desenvolven.

(Extracto da reportaxe que se pode ler completa no número 310 – marzo 2017)



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)