Publicidade

Cluster


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

O tren de mercadorías: a revolución pendente



ESTHER GARRIDO · PUBLICADO O 28 DE MARZO DE 2017 · (0)




Ao combinar tren e asfalto as autoestradas ferroviarias liberan moito tráfico de camións, aproveitan mellor as infraestruturas e, por riba, axudan a que as empreses aforren. Pero o noso Corredor Atlántico segue sendo unha corredoira ata a fronteira gala e as voces que piden que reciba, cando menos, a metade das atencións que a alta velocidade para pasaxeiros, non paran de medrar.

Bruxelas leva anos asegurando que quere reorganizar a xeografía do vello continente cunha rede xerarquizada, similar á das estradas, pero para estes trens.

Cando mudou a Rede Transeuropea de Transportes marcáronse tres grandes proxectos: o eixo atlántico, o eixo mediterráneo e o central. Este último cancelouse pero os outros dous non. Están claramente delimitados pero faltan investimentos para ser rendibles no seu paso pola península ibérica. Unha boa conexión Monforte-Palencia –que enlaza con Aveiro-Salamanca e a fronteira francesa– daría nova vida aos nosos portos ao unilos a autoestrada ferroviaria europea: en España o volume que viaxa a través deste medio é pírrico e o que hai agoniza.

Renfe anulaba este verán a liña que cubría o norte de Galicia mediante o FEVE co que Xove e Burela quedaban practicamente sen actividade e a planta de Alcoa en San Cibrao, ademais de varias empresas de madeira, fertilizantes e ferralla, gravemente danadas. Finalmente unha solución intermedia con tres días de servizo foi a adoptada, pero a situación non fixo senón poñer sobre a mesa as carencias dunha rede que precisa modernizarse para ser rendible para operadores e empresas.

Prioridade relegada

Son moitos os empresarios do noroeste peninsular que queren que isto mude: o Círculo de Empresarios de Galicia foi das primeiras organizacións en denunciar dende hai anos o illamento galego na Rede Transeuropea de Transportes, malia ser considerada rede prioritaria. O pasado 16 de xaneiro a CEP e as cámaras de comercio de León, Galicia, Asturias e Cantabria daban luz á Plataforma en Defensa do Transporte Ferroviario de Mercadorías a través do Corredor Atlántico da UE para conseguir a inclusión dos eixos ferroviarios galego, asturiano e cántabro. O obxectivo é tan importante que foi quen de crear a plataforma empresarial máis importante do norte de España. Se a FERRMED traballa polo Corredor Mediterráneo, o noroeste peninsular ten agora o seu grupo de presión “aberto á sociedade civil e ás administracións para sumar cantas máis voces mellor”. […]

É rendible

O propio Ministerio de Fomento confirma, nun estudo sobre as autoestradas ferroviarias de 2015, a rendibilidade destas autoestradas. Calcula que modelo máis eficiente para España sería o vagón de piso baixo Modalohr, cun nivel de eficiencia na relación toneladas netas-toneladas brutas do 48 %, e que o traxecto mínimo debería ser de entre 800 e 1.000 quilómetros, sendo imprescindibles bos accesos. […]

Portugal xa está a mover ficha cun novo ferrocarril por 700 millóns para unir as localidades de Évora con Elvas e Caia, en Estremadura, parte do enlace  Sines-Setúbal-Lisboa-Évora-Elvas-Caia-Madrid para aumentar a capacidade de transporte e diminuír os tempos. Construirase nunha primeira fase para trens de mercadorías (ancho ibérico), cunha velocidade de 120 quilómetros por hora e despois unha segunda vía en ancho internacional pola que poderán circular a 250 quilómetros por hora. 

(Extracto da reportaxe  se pode ler completa no número 310 – marzo 2017)



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)