Publicidade

Ourense Termal


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Un cuarto de século de Galicia Calidade



REDACCIÓN · PUBLICADO O 05 DE ABRIL DE 2017 · (0)




En 1991 a Xunta de Galicia lanzaba por vez primeira o slogan “Galicia Calidade”. O que naceu como unha campaña publicitaria converteríase catro anos despois nunha empresa pública que certifica o uso da marca rexistrada Galicia Calidade a todos os produtos e servizos que cumpren cos requisitos de procedencia e calidade esixidos. A día de hoxe máis de 85 empresas e de 300 produtos presumen de ter este selo de garantía

Ovos Campeiros, polbo cru ou cocido, berberechos, agullas, bonito, mexillóns, marmelada, grelos, xurelos, capón, chourizos, pularda, xamón, patacas, pementos, kiwis, pan, empanadas, leite, batidos, auga, sidra, cervexa ou viños das denominacións Rías Baixas, Monterrei, Ribeira Sacra, Ribeiro ou Valdeorras son só algúns dos produtos que poden atopar xa baixo o selo Galicia Calidade. Máis non só o que entra pola boca pode acollerse a este selo de garantía: tamén hoteis, restaurantes, casas rurais, xoiaría ou mesmo cortinas e colchóns, contan xa cun distintivo que garante non só a calidade senón a orixe do produto e o seu compromiso co medio ambiente e a contorna.  

Desde decembro de 2015 Galicia Calidade incorporou máis de 30 novas empresas ao seu catálogo, “un incremento importante”, asegura o seu xerente, Alfonso Cabaleiro, quen cifra en 85 o total de compañías que contan arestora co selo de garantía, o que supón un incremento superior ao 60 % nos dous últimos anos.

Un bo exemplo deste espectacular chanzo está no sector vitícola. En setembro de 2013 nove bodegas contaban co distintivo de garantía autonómico; arestora son 14 das cinco denominacións de orixe de viño galegas, o que evidencia o bo resultado da aposta feita pola Consellería de Economía e Industria, a través de Galicia Calidade, por este sector que hai uns días presentaba o seu primeiro viño vegano, tamén certificado. 

Boa parte deste pulo débese á decisión tomada polo Consello da Xunta de Galicia en xullo de 2014 para converter Galicia Calidade na marca paraugas da economía galega para impulsar a súa competitividade nos mercados exteriores. Deste xeito, outorga novos criterios para que os produtos xa certificados por outros selos de orixe poidan utilizar o emblema de Galicia Calidade.

Condicións para lucir a marca

As condicións para o uso do selo Galicia Calidade están establecidas no Regulamento de uso da marca de garantía, que estipula as obrigas que deben cumprir as empresas e os produtos certificados, así como as auditorías que deben superar para poder garantir non só a máxima calidade senón a orixe galega, a elaboración en Galicia, a materia prima ou o deseño galego dos produtos e servizos.

Grazas a estes exhaustivos controis de calidade e orixe, “Galicia Calidade converteuse nunha marca buscada polos consumidores, que recoñecen nela prestixio, calidade e confianza”, explica Alfonso Cabaleiro. O certificado demostra a “capacidade de crear produtos e servizos altamente competitivos, en continua mellora e capaces de diferenciarse da competencia”, asegura o responsable directo da xestión, de aí “o interese das empresas por obtelo e dos consumidores por buscalo nos produtos que adquiren”.

Unha espiral que está demostrando o seu valor, especialmente tras as dificultades económicas vividas polas empresas nestes últimos anos. De aí o esforzo da sociedade pública por apoiar a “calidade galega” a todos os niveis.

Esforzo de promoción para consolidar a marca

Ademais dun recoñecemento ao esforzo das empresas, a incorporación a este selecto grupo suponlles un gran apoio en promocións, campañas publicitarias e eventos tanto a nivel nacional como internacional. Entre os máis recentes está o showcooking realizado en Madrid no que o cociñeiro Estrela Michelín Pepe Solla cociñou produtos de Coren, ou a xornada de formación para establecementos turísticos que impartiu o barista compostelán Óscar de Toro e na que participaron hoteis e restaurantes certificados por Galicia Calidade, establecementos que non só ofrecen unha garantía de calidade nos servizos que prestan senón que contribúen a difundir os produtos agroalimentarios que se producen en Galicia, xa que entre os requisitos para acreditarse figura a necesidade de dispor dunha oferta gastronómica cunha proporción significativa de pratos galegos ou con materias primas de orixe galega certificada.

O sector turístico, que centrou gran parte das incorporacións en 2016, segue a ser un dos obxectivos da sociedade pública neste 2017, no que se prevé que unha trintena máis de empresas se resgarden baixo este “paraugas” que é Galicia Calidade.

(reportaxe publicada no número 310 – marzo 2017)



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)