Publicidade

Ourense Termal


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Alerta pola existencia de novos produtos tóxicos na banca



REDACCIÓN · PUBLICADO O 20 DE ABRIL DE 2017 · (0)




Cando aínda están pendentes moitas resolucións pola venda de preferentes e subordinadas e se acaban de iniciar os procesos de devolución da cláusulas chan –declaradas nulas polo Tribunal de Xustiza da Unión Europea–, ábrese unha nova fronte para as entidades bancarias: a comercialización de fondos de investimento “sen informar oportunamente dos riscos aos clientes”. Así o denunciou o sindicato CIG-Banca tras varios informes de economistas e expertos do ámbito financeiro alertando desta nova práctica e mesmo de traballadores das propias entidades, que denunciaron o seu despedimento por negarse a “colocar” estes fondos de investimento, segundo explican desde o sindicato galego.

É o caso dun empregado de Abanca en Ourense despedido “por querer informar ao persoal sobre os riscos de vender produtos financeiros complexos”, aseguran desde a CIG ao tempo que indican que “non se trata só dun conflito laboral, senón tamén contra un modelo comercial que pon os traballadores contra as cordas”. Por este motivo levan xa varios meses con mobilizacións e hai unhas semanas deron un paso máis iniciando unha rolda de contactos con agrupacións políticas e asociacións de consumidores para “concienciar” da necesidade de reforzar o control sobre a banca ante “unha burbulla de produtos financeiros tóxicos”.

En Marea foi das primeiras en reaccionar anunciando unha iniciativa no Congreso para cambiar o sistema financeiro e evitar “malas prácticas bancarias” que permiten, segundo Yolanda Díaz, seguir comercializando “produtos de risco” sen informar os clientes.

Desde CIG-Banca reclaman unha normativa que diferencie claramente entre banca de investimento e comercio polo miúdo para evitar que sexan os propios traballadores das entidades os que deban determinar se un usuario “é dun tipo ou outro” e que se vexan “ameazados” co despedimento se non cumpren cos “imposibles” obxectivos comerciais que lles fixan.

Abanca nega as acusacións

Ás preguntas sobre todas estas cuestións, Abanca limitouse a contestar que "non comercializa produtos tóxicos e por tanto non hai presións para a súa colocación nin de ningún outro tipo" e sobre a iniciativa de En Marea, que "Abanca non fai valoracións sobre cuestións políticas".

Non obstante, os representantes dos traballadores insisten en que o novo modelo converte os depósitos da banca en títulos a través de fondos de investimento, o que temen que sexa “nova estafa de dimensións maiores” ás participacións preferentes e obrigacións subordinadas, que deixaron a miles de galegos sen os seus aforros –que algúns aínda están intentando recuperar–.

(Extracto da reportaxe que se pode ler completa no número 311 – abril 2017)



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)