Publicidade

Ourense Termal


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

A lingua da xente nova



REDACCIÓN · PUBLICADO O 02 DE MAIO DE 2017 · (0)




Hai uns días coñecéronse os gañadores da quinta edición do certame de declaracións de amor na rede, o concurso que organizan as consellerías de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a de Política Social, por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado. O xurado, que estivo presidido pola escritora María Canosa, concedeu unha mención de honra ademais dos seis premios establecidos nas bases a outras tantas mensaxes elixidas de entre as máis votadas no concurso, polo grao de elaboración, orixinalidade e calidade lingüística das declaracións de amor que presentaron. 

Mais, independentemente dos premios, os organizadores destacan o “éxito da convocatoria, que logrou a participación de preto de 600 mozos e mozas ben enviando mensaxes, ben como votantes”, explica Valentín García Gómez, secretario xeral de Política Lingüística. Desde o seu departamento, xunto coa Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, traballan xa no que será o primeiro plan de dinamización da lingua galega entre a mocidade feito pola Xunta de Galicia, unha nova folla de ruta para a promoción do uso social do idioma propio de Galicia desde o ámbito da mocidade que está previsto que presenten este mesmo ano os dous organismos gobernamentais.

Ao abeiro del, implementaranse iniciativas como Lingua de namorar ou outras que teñan como obxectivos específicos “potenciar o uso do galego como lingua de relación na mocidade galega, reforzar o uso do idioma entre os galegofalantes e proporcionarlle modelos lingüísticos galegófonos de referencia á rapazada de orixe castelanófona”, destaca García Gómez. Deste xeito queren darlle cumprimento ás directrices do sector 2 do Plan xeral de normalización da lingua galega aprobado por unanimidade de todos os grupos políticos con representación no Parlamento galego no ano 2004 e onde se fai fincapé neste sector da mocidade para “superar vellos prexuízos e fomentar todo tipo de creatividade en galego como forma lúdica de galeguización e de creación de mercado cultural”.

Cecilia Vázquez, directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, recorda que “a dinamización e a promoción do galego entre a mocidade é un eixo prioritario da acción do Goberno galego”, ao tempo que destaca que programas como Lingua de namorar “non só serven para fomentar entre os rapaces e rapazas o uso do galego, senón que tamén permiten amosar a capacidade creativa e talento deles”. Pero, ademais de defender “a utilidade do galego en todos os ámbitos, contextos e momentos da vida”, Cecilia Vázquez destaca a necesidade de dirixirse “a unhas franxas de idade nas que se fai moi necesaria a intervención con iniciativas de dinamización lingüística”. E para iso resulta de gran utilidade “o emprego da lingua galega nun ámbito como o das tecnoloxías, fundamental para a difusión do idioma polo seu valor innovador e de futuro”.

(Extracto da reportaxe que se pode ler completa no número 311 – abril 2017)



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)