Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Búscase o mellor proxecto informático



REDACCIÓN · PUBLICADO O 06 DE MARZO DE 2018 · (0)



O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia convoca o Premio Fin de Carreira e Máster en Enxeñaría Informática cunha dotación económica de 1.000 euros para o traballo gañador. Os tres finalistas beneficiaranse dun ano de colexiación gratuíta.


O galardón quere ser un estímulo para os estudantes e recentemente titulados en Enxeñaría en Informática ou Máster en Enxeñaría Informática. Tal e como se recolle nas bases do certame, poden concorrer ao premio todas aqueles enxeñeiros en informática que presentaran nunha universidade galega o proxecto fin de carreira ou o traballo fin de máster nos anos 2016, 2017 e 2018.

Aqueles estudantes que queiran optar ao premio do Cpeig poden remitir a documentación precisa (ficha resumo do proxecto, resumo e memoria completa do mesmo) ata o día 10 de maio ao seguinte enderezo electrónico: informacion@cpeig.gal. As bases e o formulario para presentar a candidatura están xa dispoñibles no portal www.cpeig.gal.

Mediante a organización deste premio, o ente colexial busca achegarse ao colectivo estudantil e defender as vantaxes da colexiación, ademais de estimular o traballo dos estudantes. Os tres finalistas terán dereito a un ano de colexiación gratuíta e a asistir de balde á “Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia”. O gañador recibirá, ademais, unha gratificación económica de 1.000 euros. Unha comisión experta, integrada por representantes do Cpeig e das tres universidades galegas, valorará os proxectos recibidos e seleccionará o traballo gañador.

A convocatoria forma parte dos premios da “Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia”, que o colexio organizará o día 15 de xuño en Santiago de Compostela. Este evento anual, ademais de representar un punto de encontro entre todos os colexiados, conta cunha destacada participación de cargos empresariais, institucionais e políticos e é un referente para o sector.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)