Publicidade

Ourense Termal


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

A Fundación Galicia Europa convoca unha nova edición do curso de Axentes de Cooperación Transfronteiriza



REDACCIÓN · PUBLICADO O 06 DE ABRIL DE 2018 · (0)



O curso terá lugar entre o 16 de abril e o 7 de xuño e combinará actividades presenciais en grupo con outras de carácter individual co fin de coñecer, entre outras cousas, a dinámica dos proxectos de cooperación transfronteiriza, as posibilidades que ofrece o financiamento europeo e o proceso de elaboración dunha convocatoria.

O curso de Axentes de Cooperación Transfronteiriza forma parte da actividade “Cataliza”, que ten como obxectivo mellorar, potenciar e impulsar a viabilidade dos proxectos e ideas da xuventude, mediante a realización de actividades de titorización e asesoramento individualizado, formación personalizada, e coaching persoal.

O curso comezará o 16 de abril e rematará o 7 de xuño. A parte presencial terá lugar na Escola Superior de Ciências Empresariais - IPVC de Valença do Minho, que conta con bos accesos por autovía, autoestrada, estradas nacionais e incluso tren para os participantes que cheguen tanto dende outros puntos de Galicia como de Portugal.

A formación será eminentemente práctica co fin de que os participantes coñezan as distintas alternativas de cooperación transfronteiriza que financia a Comisión Europea, practiquen a elaboración de candidaturas para os programas que máis faciliten a cooperación transfronteiriza e coñezan suxestións para redactar bos proxectos. Ademais relacionaranse con persoas e entidades con vontade de apostar pola creación de novos proxectos transfronteirizos e poderán crear redes de colaboración.

Inscrición

O prazo de inscrición remata o próximo xoves, 12 de abril. Admitirase un máximo de 15 alumnos. Os criterios da selección basearanse na idade, entre 18 e 30 anos e priorizarase a situación de desemprego, en período de formación ou en mellora laboral e os residentes próximos á zona na que se celebrará o curso.

Ao inscribirse, os participantes comprométense a participar no 100% das horas de traballo previstas no programa. A asistencia é obrigatoria para ter dereito ao diploma de aproveitamento do curso. Máis información en www.fundaciongaliciaeuropa.eu.

A Fundación Galicia Europa contará coa colaboración da Câmara Municipal de Valença do Minho, onde se impartirán as actividades de carácter presencial, e dos demais socios do proxecto: Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado; Cámara Oficial de Comercio, Industria, Servizos e Navegación de Santiago de Compostela; Asociación Comercial de Emprendedores de Galicia; Instituto Português do Desporto e da Juventude; Federación Nacional de Asociaciones Juveniles Portuguesa (FNAJ) e a Comunidade Intermunicipal do Ave.

O Curso de Axentes de Cooperación Transfronteiriza é unha actividade do proxecto europeo Lidera, que se encadra no programa Interreg V A España-Portugal 2014-2020 (POCTEP), e que conta cun financiamento europeo de 1,4 millóns de euros e unha duración de catro anos.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)