Publicidade

Ourense Termal


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

A Fundación Neira Vilas inicia os actos do seu 25 aniversario



REDACCIÓN · PUBLICADO O 06 DE ABRIL DE 2018 · (0)



A sede da Fundación Xosé Neira Vilas acolleu hoxe a presentación do logotipo do seu 25 aniversario. O presidente da entidade, Luis Reimóndez e Antonio Couto, de Bolanda Ediciones y Marketing, responsable do deseño, presentaron a imaxe do anagrama que servirá para recordar tan destacada data.


Antonio Couto explicou que a imaxe xoga coas iniciais do autor, XNV, e a cifra en números romanos, XXV, dando lugar a un logo sinxelo e facilmente recoñecible que encaixa coa imaxe da Fundación e mesmo das últimas obras do autor editadas por Bolanda, algunhas delas póstumas, como o poemario Quique na aldea “presentado nesta mesma casa do Romano ao ano da morte do querido Pepe Neira”, recordou o editor.

O presidente da Fundación, Luis Reimóndez, explicou que “a mediados de novembro cúmprense os 25 anos da apertura dunha biblioteca pública nesta casa grazas á determinación de Xosé Neira Vilas e Anisia Miranda, que querían que o rural galego tivese libros a disposición das súas xentes, algo que eles non puideran ter”.

Desde entón van 25 anos de actividade, unha data que a Fundación celebrará baixo o paraugas deste logotipo. Por iso Reimóndez agradeceu “moi sinceramente a Bolanda, coa que mantemos, como facía no seu día Neira Vilas, unha estreita relación, que tiveran a ben nesta data confeccionar un logo específico conmemorativo desta efeméride e que viñeran hoxe a Gres a facer entrega deste agasallo que usaremos moito durante a conmemoración deste cuarto de século espallando a cultura desde o rural galego”.

O presidente da Fundación adiantou que o programa de actos incluirá “presentación de libros, actos culturais, probablemente algunha actuación de mellora nas instalacións da Fundación e tamén unha romaría popular que xunte a todas as persoas que formamos a gran familia neiraviliana para celebrar o aniversario desta casa na que naceu e tamén na que pasou a mellor vida o noso querido Pepe”. 

A Fundación

Xosé Neira Vilas faleceu o 27 de novembro de 2015 aos 87 anos na súa casa natal de Gres, aldea da que marchara en 1949 cara Arxentina primeiro e Cuba despois, e á que regresou na década dos 90 para presidir a Fundación que leva o seu nome e que, desde hai 25 anos, desenvolve un gran labor de dinamización cultural e lingüístico.

Unha boa herdanza desa centenaria casa do Romano levantada a finais do século XVII e que durante moitas décadas deu acubillo físico aos peregrinos que ían cara Compostela pola Vía da Prata. Precisamente a igrexa que ten a carón está baixo a advocación de Santiago Apóstolo e no seu cemiterio repousan os restos do escritor galego máis universal xunto aos da súa muller, a escritora e xornalista de orixe cubano Anisia Miranda, falecida en 2009.

Mais o pasamento da parella non impide continuar o relevante labor desta Fundación, que o actual presidente, Luis Reimóndez e o seu equipo, manteñen tan vivo como o primeiro día. E boa mostra diso é o programa de actos que mantén a entidade ao que se suman agora os da conmemoración deste 25 aniversario da Fundación, unha data moi significativa para toda a “familia Neira Vilas”, como asegurou Reimóndez.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)