Publicidade

Ourense Termal


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Cáritas, Aldeas Infantiles SOS Galicia e Cogami reciben as Medallas do Parlamento de Galicia



REDACCIÓN · PUBLICADO O 06 DE ABRIL DE 2018 · (0)



O Parlamento de Galicia acolleu esta mañá o acto de entrega das Medallas da Cámara que, nesta ocasión presentan un “marcado acento social”, como explicou o presidente da Cámara. Pola súa banda o titular do Goberno galego destacou "o Estatuto de Autonomía, a Cámara galega e a solidariedade" como os tres piares que fan de Galicia "un fogar común".


O titular do Lexislativo galego, Miguel Ángel Santalices, recordou que a institución que preside se esforza para ser e actuar como o “espello no que se sentan fielmente reflectidos cada galega e cada galego” e considerou que a concesión destas Medallas “nos permite avanzar nese obxectivo, na medida en que unha inmensa maioría social se identifica co recoñecemento institucional que hoxe tributamos”.

Centrándose no labor das entidades galardoadas, Santalices lembrou que Aldeas Infantiles ofreceu "desde os seus inicios un modelo de acollemento e atención avanzado, inspirado no agarimo, a protección e o apoio ao que todo neno ou nena ten dereito e do que xamais debería verse privado”. A xuízo do presidente do Parlamento, a entidade supuxo "un radical cambio de paradigma, deixando atrás o modelo dos vellos hospicios e apostando sen complexos pola tenrura e os estímulos positivos”.

En relación a Cáritas asegurou que tras a intensa crise económica que “agrediu con dureza a persoas e familias”, esta organización chegou "alí onde os poderes públicos non alcanzan". Por iso, agregou que “nunca agradeceremos abondo o esforzo de todo o equipo de Cáritas”.

A terceira das organizacións recoñecida polo Parlamento de Galicia hoxe foi a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI). "O acento social destas medallas non sería tal sen ter en conta as entidades que operan no ámbito da discapacidade, unha realidade que a ninguén pode deixar indiferente”, explicou Santalices.

Clausura a cargo de Feijóo

A entrega das Medallas celebrouse no Salón dos Reis do Parlamento de Galicia e contou coa asistencia de numerosas personalidades. O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo pronunciou o discurso de clausura no que destacou que "o Estatuto de Autonomía, a Cámara galega e a solidariedade como os tres piares que fan de Galicia un fogar común, sen gretas nin exclusións".

Nese terceiro piar, a solidariedade, están os tres premiados hoxe, persoas e entidades que "impulsan e encamiñan o caudal de solidariedade que ten o pobo galego". Nese sentido, Feijóo quixo destacar a traxectoria dos premiados, “xa que todos eles son parte do noso país, e son unha peza fundamental na súa cohesión social”.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)