Publicidade

Ourense Termal


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Veciños e consumidores



REDACCIÓN · PUBLICADO O 09 DE ABRIL DE 2018 · (0)



Pontevedra acollerá mañá unha xornada sobre as relacións de consumo no turismo transfronteirizo organizada pola Unión de Consumidores de Galicia (Ucgal) en colaboración coa asociación lusa Defesa do Consumidor (Deco).


A sesión, titulada Usuarios nos servizos turísticos transfronteirizos (Galicia-Portugal)”, desenvolverase na Asociación de Empresarios da Pequena e Mediana Empresa de Pontevedra (Aempe) e ten como obxectivo dar a coñecer cuestións que afectan ás persoas consumidoras galegas cando viaxan ao país veciño, desde aspectos relacionados con aloxamentos e restauración ata transporte (aéreo, ferroviario), taxis, autoestradas, e presentar os diferentes mecanismos que protexen os dereitos de consumidores e usuarios en Portugal.

A xornada será inaugurada ás 11.00 horas polo secretario xeral da Unión de Consumidores de Galicia, Miguel López, e abrirase coa intervención da colaboradora da Ucgal, Raquel Casalderrey. A continuación, o xurista da Deco, Cláudio Salgado, exporá os temas que máis conflitos xeran no turismo transfronteirizo dando conta das particularidades da normativa lusa e das ferramentas ao alcance das persoas consumidoras para facer valer os seus dereitos.

Ambas entidades, conscientes do numeroso tráfico de persoas que cada ano se produce entre Galicia e Portugal, consideraron necesario emprender accións informativas destinadas tanto a facilitar a estadía da persoa consumidora a ambos lados da raia como a mellorar a calidade dos servizos dentro do sector turístico. Grazas ao coñecemento dos usos e costumes do país, os turistas evitarán calquera das problemáticas comúns no eido do consumo e situacións de picaresca.

Esta non será a única xornada que Ucgal e Deco leven a cabo, xa que o vindeiro 18 de abril, técnicos da asociación galega visitarán Viana do Castelo para trasladar á cidadanía lusa as fórmulas que protexen aos consumidores no noso territorio nos ámbitos relacionados co turismo (aloxamento, restauración, transportes).



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)