Publicidade

Ourense Termal


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Solucións fotónicas aos retos da siderurxia na industria 4.0



REDACCIÓN · PUBLICADO O 12 DE ABRIL DE 2018 · (0)



Expertos na detección e control de partículas da luz reuníronse en Aimen para para analizar como as tecnoloxías fotónicas poden contribuír a acadar os retos produtivos aos que se enfronta a siderurxia, que conta cun importante peso en Galicia.


Medio cento de investigadores e representantes de empresas do sector siderúrxico asistiron onte, no Centro de Aplicacións Láser de Aimen, ao workshop “Solucións fotónicas para a siderurxia”. Organizado por Fotónica21 (Plataforma Tecnolóxica Española de Fotónica), Platea (Plataforma Tecnolóxica Española do Aceiro) e SECPhO (Clúster de Fotónica), é o primeiro encontro que se celebra en Galicia no que se reúne toda a cadea de valor do sector.

Durante a xornada, Pablo Romero, secretario técnico de Fotónica21 e coordinador de Estratexia de Investigación en Aimen, e José Ángel Gutiérrez, representante de Platea, destacaron que as tecnoloxías baseadas na luz (visión artificial, tecnoloxías láser, metrografía, etc) desempeñan un papel relevante para cumprir cos novos requerimentos de calidade na fabricación dos aceiros, xa que de forma moi rápida e sen contacto permiten detectar, medir e modificar as cualidades deste material. Isto cobra maior importancia en aceiros avanzados, cuxa produción é máis complexa e lenta, que, con axuda da fotónica, poden optimizar a súa fabricación sen comprometer a calidade. Así mesmo, afirmaron que para lograr unha maior penetración destas tecnoloxías nesta industria é imprescindible establecer canles de colaboración entre empresas, desenvolvedodores e investigadores para crear ferramentas e solucións específicas en aplicacións orientadas a aumentar o control, a calidade ou a eficiencia enerxética, entre outros.

Pola súa banda, Sergio Sáez, manager de SECPhO, manifestou que se a siderúrxica quere avanzar en industria 4.0 é imprescindible apostar por introducir as tecnoloxías fotónicas, xa que son ferramentas fundamentais para extraer información clave para mellorar en procesos produtivos, e afirmou que en España existe un ecosistema de investigación e innovación propicio para colaborar neste eido. Así mesmo, José Luis Rendueles, coordinador de Platea, puxo en valor o encontro entre plataformas para adaptar á siderurxia solucións tecnolóxicas doutras industrias e insistiu no reto de xestionar os datos xerados pola fotónica nos procesos de fabricación do sector e, dese modo, poder optimizar o traballo de produción.

Paneis

No workshop tamén se analizaron diferentes aplicacións e retos relacionados cos tres principais procesos neste tipo de plantas (aceiría, laminación e acabados) en tres paneis nos que se deron a coñecer solucións innovadoras aplicando as tecnoloxías baseadas na luz: o de Aimen, que explicaba os avances do proxecto Tintin, que aplica a visión artificial para a fabricación de trens de laminación; o da Universidade de Cantabria, que expoñía exemplos de aplicación de electroscopia, e o de AcelorMittal, que explicaba o reto que supón a medición en 3D de alta precisión, especialmente en movemento.

A xornada rematou cun relatorio centrado nas oportunidades de financiamento en I+D e nos instrumentos dispoñibles a cargo de SAG (Steel Advisory Group) e o CDTI (Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial), que expuxeron diferentes fórmulas a nivel europeo e nacional, respectivamente.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)