Publicidade

Ourense Termal


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Gadis e Os Bolechas, xuntos para promover as letras galegas



REDACCIÓN · PUBLICADO O 09 DE MAIO DE 2018 · (0)



A rede de supermercados desta firma en Galicia regalará ata fin de existencias o 16 de maio 30.000 exemplares de “Papá Bolechas doa sangue”, co dobre obxectivo de difundir a cultura galega e a doazón de sangue entre o público infantil.


Ademais, a compañía homenaxeará a María Victoria Moreno, cuarta muller distinguida co maior recoñecemento da literatura galega, ratificando o seu compromiso coa cultura e, especialmente, coa difusión do galego mediante un programa de accións que toman como marco a celebración do Día das Letras Galegas, co que a compañía sempre mantivo unha ligazón especial.

Este ano, Gadis rende homenaxe á autora conmemorada o vindeiro 17 de maio e introduce, como novidade, unha vertente solidaria mediante a redifusión dun libro de Os Bolechas. María Victoria Moreno (Valencia de Alcántara, 1939-2005), estremeña de nacemento e galega de adopción, é a cuarta muller, despois de Rosalía de Castro, Francisca Herrera Garrido e María Mariño que é distinguida no día grande da literatura en galego desde a súa instauración en 1963. A cadea de supermercados réndelle tributo coa entrega aos seus clientes de 50.000 marcapáxinas que inclúen un dos poemas de “Elexías de luz” e a distribución de máis de dous millóns de bolsas cun fragmento de “Diario da luz e a sombra”.

“Elexías de luz”, publicado de forma póstuma, amosa outra faceta da autora, máis coñecida pola súa obra en prosa, entre a que destaca “Anagnórise”, unha das creacións máis populares da narrativa xuvenil en galego. “Diario da luz e a sombra”, pola súa banda, é un ensaio no que Moreno recolle en primeira persoa a súa experiencia nos últimos anos de vida. Pedro Ferriol, viúvo da escritora, glosou a figura de quen, namorada da nosa terra e a nosa lingua, sentiunas como propias.

Papá Bolechas doa sangue”

Por outra banda, Gadis lanza unha reedición de 30.000 volumes de “Papá Bolechas doa sangue”, protagonizado pola popular familia creada polo ilustrador e deseñador Pepe Carreiro. Nesta ocasión os seis irmáns protagonistas ceden o espazo principal ao seu pai, que acode a doar sangue a unha unidade móbil da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue.

A obra, dirixida a un público infantil, fai fincapé no carácter necesario, solidario e gratuíto da doazón. Con espírito divulgador, o libro detalla os pasos que se seguen e os requisitos necesarios idade, peso, tensión, sempre baixo supervisión médica, ademáis de trasladar de forma amena as características e propiedades dos compoñentes do sangue.

A compañía leva publicados máis de 300.000 libros en galego nos últimos 15 anos, nunha mostra da súa extensa contribución á difusión da literatura da nosa comunidade autónoma. As accións ao fío do Día das Letras Galegas enmárcanse no plan de Responsabilidade Social Corporativa de Gadisa, que no último exercicio consignado participou en máis de 2.100 iniciativas entre as que destacaron, cun 31%, as de índole cultural.

Fragmento de “Elexías de luz” (2006)

“Na fonte fonte dos nenos
bebía una pomba branca.
…Fala a auga.
 
Na fonte fonte dos risos
xemía una nena pálida.
…Fala a auga.
 
Na espiña espiña da rosa
revoaba a voz das aves.
…Treme o aire.
 
Na espiña espiña do toxo
vin cinco pingas de sangue.
…Treme o aire.
 
No bico bico do outeiro
sorría una luz fermosa.
…Pasa a sombra.
 
No bico bico da albura
espreitaba a ollada torva.
…Pasa a sombra”.

Fragmento de Diario da luz e a sombra” (2004)

A verdade é que esta vida é unha cousa estraña… Dá éxitos ós que queren amor, dá amor ós que queren diñeiro, dá diñeiro ós que queren comprensión… E dá todo cando menos se espera, mesmo cando as mans xa non teñen azos para recibilo. Con todo, qué bonita é a vida…”.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)