Publicidade

Ourense Termal


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

“Hai Arquitectas”



REDACCIÓN · PUBLICADO O 10 DE MAIO DE 2018 · (0)



Este é o nome da xornada que celebra mañá en Santiago o Colexio de Arquitectos de Galicia para dar visibilidade a estas profesionais a través da experiencia dunha vintena de mulleres que participarán nas tres mesas nas sesións de mañá e tarde en que se distribúe o programa.


O decano do COAG, Antonio Maroño, e a secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, abrirán a xornada ás 10 da mañá. A continuación celebrarase a primeira mesa que versará sobre as pioneiras. A seguinte mesa, ás 12.30 horas, preguntarase sobre se hai teitos de cristal, expresión que se usa na linguaxe de xénero para referirse á limitación velada do ascenso laboral das mulleres no seo das organizacións. Xa pola tarde, haberá unha mesa, ás 17 horas, para debater sobre o presente e futuro da profesión.

Elvira Carregado, coordinadora da sección “Hai Mulleres” –creada no COAG en 2015–, indica que a intención é visualizar e demostrar que as mulleres están presentes en todos os modos e contornas deste oficio. Dispoñen dun espazo propio en Internet para compartir experiencias de igualdade. “Sabemos que faltan referentes femininos e o importante que son. Aínda que parece que se respira unha nova sensibilidade, as estatísticas evidencian que o desequilibrio en cuestión de xénero no exercicio profesional da arquitectura e o urbanismo continúa, e xa non digamos cando nos aproximamos a postos representativos. Así que falta moito por andar”, segundo advirte a arquitecta.

Amparo Casares, subdirectora da ETSA da Coruña, indica que a arquitectura segue a ser unha profesión de homes, malia que máis da metade dos alumnos da Escola son mulleres. “Gustaríame –agrega– que as estudantes estivesen en condicións de igualdade respecto aos seus compañeiros, pero resúltame difícil imaxinarmas encaixando na arraigada estrutura de poder masculino que agora temos”. A profesora destaca as novas propostas de arquitectura que lideran maioritariamente mulleres, nestes momentos críticos para a profesión clásica, “aínda que isto non significa que falemos dunha situación cualitativa equiparable e, en absoluto, que a profesión sexa feminina”, conclúe.

Teresa Táboas, que foi conselleira de Vivenda e Solo co bipartito e a única muller decana do COAG, afirma que tivo a “sorte” de ter sido apoiada sempre polos seus compañeiros, polo que ela non padeceu o chamado teito cristal, se ben indica que é algo que está a acontecer nas sociedades avanzadas. “Eu tiven a fortuna e a honra de formar parte dun goberno paritario e, posteriormente, de ir nunha lista cremalleira, así como o respaldo dos meus colegas na época en que fun presidenta do Colexio en Pontevedra e, logo, decana”, agrega a arquitecta que logo do seu paso pola política volveu ao exercicio profesional. Pero di coñecer a moitas compañeiras que si sufriron situacións de “desigualdade”, e mesmo ela lembra particularmente unha na que tivo que enfrontarse a un xefe de obra “faltón”.

Cristina García, arquitecta con estudo en Santiago e profesora na ETSA de A Coruña, sinala que hai moito por facer neste ámbito, aínda que recoñece que ela non sufriu ningunha falta de consideración profesional: “Os meus clientes e os traballadores nas obras sempre foron moi respectuosos comigo”.

Participantes

As arquitectas participantes son as seguintes:

  • Myriam Goluboff Scheps

  • María Jesús Blanco Piñeiro

  • Paula Fernández-Gago Longueira [sobre Rita Fernández Queimadelos]

  • Amparo Casares Gallego [sobre Pascuala Campos Michelena]

  • Inés Pernas Alonso [sobre Milagros Rey Hombre]

  • Isabel Aguirre de Urcola

  • Noemí Sanchís Morales

  • María Fernández Lemos

  • Miriam García García

  • Mónica Mesejo Conde

  • María Luisa Pierres López

  • Teresa Táboas Veleiro

  • Eva Reza Paz

  • Ana Amado Pazos

  • Cristina García Fontán

  • María González Ferro

  • Luz Paz Agras

  • Laura Pato Gómez

  • Carmen Armada Martínez



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)