Publicidade

Ourense Termal


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

A Federación Española de Áridos dalle dous premios a Erimsa por dous proxectos en Galicia



REDACCIÓN · PUBLICADO O 11 DE MAIO DE 2018 · (0)



Leva o máximo galardón de boas prácticas ambientais pola extracción de cuarzo e posterior recuperación dos terreos en Frades e Ordes, onde aplica o sistema de cribado desde fai máis de trinta anos, que implica a restauración total das leiras.


Este cribado desenvolveuse en 870 parcelas de 613 propietarios, cos que, segundo a empresa, "se alcanzaron sempre acordos voluntarios de aluguer con renuncia expresa ao dereito a expropiación". Existe un rexistro de 800 documentos que acreditarían a devolución de leiras en perfecto estado para o seu uso anterior.

Segundo Erimsa “este premio apoia a nosa minaría sustentable, que prioriza o traballo coas actividades económicas tradicionais da zona: agrícola, gandeira e forestal”. A empresa -parte da compañía Elkem AS de Noruega, integrada na multinacional chinesa Blue Star- asegura que continuará traballando coa mesma filosofía.

Conta con centros de produción en Begonte (Lugo), Frades (A Coruña), Castelo (Pontevedra) e Bóveda del Río Almar (Salamanca) e produce anualmente máis de 740.000 toneladas de cuarzo metalúrxico e áridos para a construción. O cuarzo expórtase na súa totalidade a Noruega e Islandia a través dos portos da Coruña e Avilés. É a 2ª compañía con maior volume de exportacións a granel do Porto da Coruña e ocupa tamén o segundo lugar en Galicia en canto a nivel de produción de áridos.

O segundo premio

O xurado deullo a outro proxecto pero na categoría de seguridade e saúde polas medidas implementadas en Castelo (Pontevedra), que permitiron erradicar a emisión de po de sílice nunha das cabinas do centro de produción. Ambos proxectos foron seleccionados pola propia FDA para presentar a súa candidatura, nas respectivas categorías, aos Premios Europeos de Desenvolvemento Sustentable que convoca en 2019 a Unión Europea de Produtores (UEPG).

Os premios entregaranse no V Congreso Nacional de Áridos, que terá lugar en Santiago de Compostela do 24 ao 26 de outubro e organizado pola FDA, que integra a preto de 700 compañías e a 1.100 explotacións. O comité avaliador está integrado por profesionais do sector mineiro e valorou propostas de empresas que traballan en Andalucía, Castela e León, Castela A Mancha, Cataluña, Madrid, Comunidade Valenciana, País Vasco e Murcia.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)