Publicidade

Ourense Termal


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Os pensionistas volven saír mañá ás rúas para pedir unhas pensións dignas



REDACCIÓN · PUBLICADO O 15 DE MAIO DE 2018 · (0)



UGT e CCOO chaman aos galegos a participar nas mobilizacións convocadas pola derrogación da reforma das pensións de 2013. Haberá concentracións na Coruña, Ferrol, Santiago, Lugo, Viveiro, Foz, Ourense, Valdeorras, Pontevedra, Arousa, O Grove e Vigo.


Dentro da campaña de mobilizacións que CCOO e UGT están a levar a cabo na defensa dunhas pensións dignas para todos, ambos sindicatos convocan novos actos en toda España. Nesta nova convocatoria vaise incidir na demanda da derrogación da reforma das pensións de 2013, e denuncian que as pensións perden poder de compra ao revalorizarse só un 0,25% cada ano mentres todo sube e os prezos xa se sitúan este ano en media interanual nun 1,1%.

“Resulta difícil falar de pensións suficientes cunha pensión media en Galicia que non supera os 788 euros ao mes (918 euros no resto do estado). Pero é que o 64% das pensións non chega ao SMI en Galicia (50% no resto do Estado)”, sinalan estes sindicatos nun comunicado difundido está mañá. Ademais, lembran que as pensións son a fonte de ingresos de máis de nove millóns de persoas en España e que catro de cada dez destas retribucións contribuíron a soster ás súas familias durante a crise. “E, neste contexto, hai que alertar sobre a ineficacia do Goberno do PP para abordar o desequilibrio financeiro das contas da Seguridade Social, consumindo anticipadamente o Fondo de Reserva e endebedando con préstamos”, advirten.

Fronte a isto, sinalan que o Goberno presenta uns Orzamentos Xerais do Estado para 2018 que non revalorizan as pensións nin dan solución aos problemas da Seguridade Social, senón que “co crédito de 15.000 millóns”, os agudizan. Por todo isto, CCOO e UGT chaman á mobilización para asegurar o poder adquisitivo das pensións, para erradicar o déficit da Seguridade Social e para garantir o presente e o futuro das pensións e o sistema público, porque “o Goberno bloquea o diálogo social e non atende as demandas sindicais nin as iniciativas aprobadas no Parlamento para garantir o poder adquisitivo das pensións e derrogar a reforma de 2013”.

Menos do 50% do último salario

Segundo denuncian estes sindicatos, de non impedir os efectos da reforma de 2013, a relación media entre pensión e último salario caerá dende o 80% a menos do 50%, “empobrecendo drasticamente aos pensionistas”, xa que 15 millóns deles recibirán a mesma proporción da renda nacional que os nove millóns actuais. Así mesmo, esixen eliminar as subvencións con cargo á Seguridade Social, cuxo custo debe asumir o Estado, porque hai que conseguir que os gastos do sistema se paguen como o resto dos organismos públicos, cos Orzamentos Xerais do Estado e non con cotizacións.

Os horarios das concentracións convovacadas por CCOO e UGT en Galicia son os seguintes:

  • A Coruña: 12.00 horas no Obelisco.

  • Ferrol: 12.00 horas no edificio da Xunta.

  • Santiago: 12.00 horas na Praza Cervantes.

  • Lugo: 12.00 horas no Concello.

  • Viveiro: 12.00 horas no Concello.

  • Foz: 12.00 horas no Concello.

  • Ourense: 12.00 na Subdelegación do Goberno.

  • O Barco de Valdeorras: 12.00 horas no Concello.

  • Pontevedra: 12.00 horas na Subdelegación do Goberno.

  • Vilagarcía: 12.00 horas na Praza Ravella.

  • O Grove: 12.00 horas no Concello.

  • Vigo: 11.30 horas no Museo Marco, na rúa Príncipe.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)