Publicidade

Ourense Termal


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Padrón, camiño de afianzar a súa historia



REDACCIÓN · PUBLICADO O 15 DE MAIO DE 2018 · (0)



O xeo-radar da prospección arqueolóxica que estudou o subsolo do antigo meandro do Sar ao seu paso pola zona de “A Barca” parece localizar as escaleiras ás que fan referencia as fontes medievais que falan da chegada dos restos do Apóstolo. Estes achados poderían consolidar definitivamente á vila como berce da tradición Xacobea.


O traballo de campo realizouse 17 de abril e posteriormente procedeuse á análise dos datos. A zona prospectada corresponde a un 25 % da totalidade do meandro, unha superficie aproximada de 1.500 m2. Desapareceu todo rastro da antiga canle, xa que a finais dos anos 50 a zona foi enchida con áridos pola canalización do río. Hoxe esa franxa está asfaltada e destinada a aparcadoiro público de vehículos.

A investigación, dirixida por Andrés Bonilla e promovida pola Asociación Cultural Vila  Petroni co mecenado de Vermutería de Galicia, localizou a roca na cal, segundo a tradición, depositouse o corpo do Apóstolo cando a barca que trasladaba os restos foi amarrada. As fontes históricas recollen que preto da pedra construíuse na Idade Media un embarcadoiro cunhas escaleiras e humilladero, dato que parecen confirmar os resultados. Na zona prospectada atopouse unha estrutura que polas dimensións e morfoloxía encaixa coa descrita nos arquivos do século XV e XVI. Trataríase dunhas escaleiras de cinco metros de longo cuxos chanzos se inician a 1,3 de profundidade.

Para confirmar definitivamente que se tratan das escaleiras do “Portus  Apostoli” será necesario realizar unha intervención mecánica na zona, unha escavación para a recuperación dos restos e o seu posterior estudo por parte dos arqueólogos. “Cómpre completar este estudo en todo o antigo meandro do Sar para ampliar a sondaxe na zona e ver se aparecen restos de estruturas asociadas a estas escaleiras e á roca, cuxa localización é o obxecto do noso proxecto”, explica Bonilla.

Antonio Fernández Angueira, alcalde de Padrón, recoñece estar “moi satisfeito xa que evidencia o que levamos reivindicando moitos anos: a importancia da vila de Padrón na tradición Xacobea. O achado destas escaleiras constitúe xa, por si só, un recurso patrimonial de primeira orde que merece ser escavado e divulgado”. Á vista destes resultados preliminares, cabe pensar que o desenvolvemento total do proxecto podería traer consigo descubrimentos de interese histórico, relixioso e turístico. “De completarse a investigación cos resultados esperados a repercusión nacional e internacional que tería para Padrón podería ser inmensa”, augura Ángel Rey Castro, presidente da Asociación Cultural Vila Petroni.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)