Publicidade

Ourense Termal


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Máis de 52.000 merendas para nenos en risco de exclusión en Galicia



REDACCIÓN · PUBLICADO O 15 DE MAIO DE 2018 · (0)



A través dun acordo de colaboración, Grupo DIA distribúe periodicamente alimentos sans e variados a rapaces que participan no proxecto de Promoción do Éxito Escolar de Cruz Vermella Xuventude na comunidade autónoma.


Ambas entidades veñen de ampliar o acordo de colaboración que comezou en Galicia en 2016. O presidente provincial de Cruz Vermella en Lugo, Luis Abelleira; a coordinadora autonómica de Cruz Vermella Xuventude en Galicia, Jessica Núñez, e o director de DIA en Galicia, Javier Segura, ratificaron esta mañá o acordo de colaboración dirixido á infancia en dificultade, que puxeron en marcha coa finalidade de proporcionar merendas a nenos en exclusión social da comunidade autónoma e, como novidade, ampliárono a Lugo e Chantada.

Deste modo, garanten que rapaces cuxas familias atravesan situacións de dificultade económica poidan ter unha merenda, grazas a unha iniciativa que contempla que as empresas de Grupo DIA distribúan semanalmente un menú apropiado para os menores que participan no proxecto de Promoción do Éxito Escolar que Cruz Vermella desenvolve en Galicia dende 2012, cuxas actuacións están dirixidas ao apoio e o acompañamento educativo coa infancia e as súas familias.

“Cruz Vermella é unha organización comprometida coa infancia e promove diferentes programas e proxectos para proporcionar apoio e atención aos nenos en situación de risco ou dificultade social. O noso labor non sería posible sen a colaboración de administracións, entidades e empresas como DIA”, sinala Luis Abelleira, presidente de Cruz Vermella en Lugo.

“En nome de Grupo DIA podo dicir que hoxe é un día moi feliz para nós. Non só porque facemos balance moi positivo dun proxecto co que puidemos axudar a moitos nenos galegos, senón tamén porque incrementamos a nosa aposta polo mesmo e ampliamos a novas zonas estas merendas. En total, e grazas á axuda de Cruz Vermella, repartimos is de 52.000 merendas a máis de 1.300 rapaces dende que comezamos a colaborar xuntos neste proxecto”, explica Javier Segura, director de DIA en Galicia.

Menús

Os menús distribuídos varían a diario e foron deseñados por un equipo de nutricionistas de Cruz Vermella para garantir que sexan ricos en nutrintes, variados e apropiados para a etapa de desenvolvemento dos menores. Inclúen zumes, cereais, lácteos, froita fresca, froitos secos e auga. Ademais, Grupo DIA se sumou á campaña posta en marcha polo goberno rexional para fomentar o consumo de conservas galegas “Ponlle as pilas ao teu bocata”, incluíndo estes produtos nas merendas distribuídas.

A coordinadora de Cruz Vermella Xuventude, Jessica Núñez, destaca que “o proxecto de Promoción do Éxito Escolar aborda as dificultades que teñen os nenos no proceso académico, de ensinanza e aprendizaxe, que veñen motivadas pola situación económica das súas familias. O apoio educativo e o seguemento de cada caso é o eixo fundamental deste proxecto”.

31 localidades

Durante o curso escolar actual as merendas estanse repartendo en 31 localidades galegas, dúas máis que no curso anterior, e son as seguintes: Ordes, Santiago, Betanzos, Boiro, Noia, Vimianzo, Sada, Cambre, A Coruña, Ribeira, Rianxo, Ribadeo, Burela, Sarria, Vilalba, Lugo, Chantada, Carballiño, Celanova, Ribadavia, Maceda, Verín, A Gudiña, Ourense, O Barco de Valdeorras, Vilagarcía, A Guarda, Vigo, Ponteareas, Pontevedra e A Estrada. Entre as familias atendidas por Cruz Vermella, moitas atravesan por dificultades económicas que lles impiden garantir unha alimentación adecuada nunha etapa fundamental para o desenvolvemento dos rapaces.

Outros dos obxectivos do proxecto de Promoción do Éxito Escolar, que se dirixe a nenos e mozos de entre 6 e 16 anos, son mellorar a calidade de vida dos menores favorecendo o seu desenvolvemento persoal e integral. Trabállase a adquisición de hábitos saudables e hábitos hixiénicos, e tamén se fomenta a educación en valores, o coidado do medio ambiente e a animación á lectura, entre outros eidos. Todas estas actividades compleméntanse cun servizo de soporte ás familias onde reciben información, orientación e apoio socio-educativo en aspectos relativos a escolarización e crianza.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)