Publicidade

Ourense Termal


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Maior incidencia de alerxias en Galicia que o ano pasado



REDACCIÓN · PUBLICADO O 05 DE XUñO DE 2018 · (0)



As chuvias das últimas semanas, unidas á chegada da calor, poderían provocar un incremento da incidencia de alerxias na nosa comunidade. Ante isto, os expertos aconsellan tomar precaucións e, en caso de dúbida, acudir ao especialista. 


O Dr. Julio Canabal Sanmartín, alergólogo do Hospital HM La Esperanza de Santiago de Compostela, asegura que, a pesar das previsións iniciais que falaban dunha menor gravidade das patoloxías asociadas á alerxia para esta primavera, as últimas chuvias, unidas á chegada da calor, indican que “a incidencia en Galicia será maior que o ano pasado”. 

A humidade existente en Galicia xera un notable número de problemas asociados aos ácaros que apenas se dan noutras zonas de España que son máis secas. “Entre o 70% e o 80% dos casos de rinoconxuntivite e de asma alérxica que se producen na comunidade son causados por ácaros”, explica o Dr. Canabal. O 20% restante son debidos ao pole, cuxa incidencia comezará a notarse, segundo explica, en canto as plantas comecen o seu proceso natural de polinización tras as chuvias. 

Alerxias en Galicia

En Galicia, no referente ás alerxias ao pole, a maior parte son provocadas polo bidueiro, a parietaria e as gramíneas. A súa incidencia e gravidade, ao contrario do que podería pensarse, son maiores nas cidades que na contorna rural debido á contaminación e, en especial, ás partículas diésel.

Con todo, ese non é o único motivo que explicaría o aumento de casos que se producen na poboación, xa que tamén existen “factores alimentarios, hixiénicos, predisposición xenética e mesmo estilos de vida que favorecen a aparición ou o agravamento das alerxias”, indica o doutor. Tamén se dan casos como os producidos pola parietaria nalgunhas zonas de costa –Muros e Noia, Barbanza ou A Mariña lucense– ou polos xerados polo plátano de sombra na cidade de Vigo. 

Aínda que se comercializan múltiples  filtros e tratamentos tópicos para previr e protexer dos alérgenos aos pacientes, a eficacia dos mesmos é controvertida, tal e como explica o especialista. Polo momento, “o único efectivo é a  inmunoterapia, a vacinación”, manifesta. 

Evitar o alérxeno e acudir ao especialista

No caso de rinoconxuntivite ou asma causados por poles, ácaros e epitelios, ou nos provocados polo veleno de himenópteros, existen vacinas específicas que demostraron a súa eficacia en máis do 80% dos casos. Ademais da inmunoterapia, tamén se avanzou moito nas técnicas de desensibilización. O Dr. Canabal lembra que “para a gran maioría dos episodios alérxicos existen tratamentos sintomáticos que, baixo supervisión médica, alivian os síntomas e melloran a calidade de vida do paciente”. 
En Europa, unha de cada cinco persoas afectadas por unha alerxia respiratoria sofre unha forma grave da enfermidade. E a mellor forma de evitar o agravamento é evitando o alérxeno.

Actualmente existen multitude de páxinas web e aplicacións informáticas que proporcionan información sobre os niveis de alérxenos que se rexistran a diario en cada zona, de modo que poden ser unha guía útil para tomar algunhas precaucións como evitar as zonas máis expostas, usar filtros para o coche, non tender a roupa nas horas de maior índice, etc. E ante a  agudización de calquera síntoma, é recomendable acudir ao especialista para tratar canto antes as molestias e a propia enfermidade.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)