Publicidade

Ourense Termal


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Leis máis estrictas para as gasolineiras destendidas



REDACCIÓN · PUBLICADO O 08 DE XUñO DE 2018 · (0)



É o que demandan os empresarios de estacións de servizo tradicionais de Galicia para garantir a seguridade e o servizo que ofrecen a consumidores e usuarios, endurecendo as leis que regulan a apertura de gasolineiras desatendidas e equiparalas á normativa que existe a nivel europeo.


A Federación Galega de Estacións de Servizo (Fegaes), organización que agrupa a todas as empresas do sector integradas nas diferentes asociacións provinciais da comunidade autónoma, presentou onte a súa nova estrutura, unha renovación que se produce tras 35 anos de existencia “ante a situación actual do noso sector e a evolución do mercado”, e coa “intención de defender os lexítimos intereses dos nosos asociados, fomentando en todo momento a solidariedade empresarial e o establecemento de sinerxias que permitan aos empresarios galegos reforzar os seus negocios”, segundo resltou o presidente da entidade, Benigno Redondo.

Para apoder acadar esa meta, Fegaes fixou tres liñas básicas de actuación centradas na homoxenización da normativa que afecta ao sector; na análise e seguimento dos prezos dos combustibles e as súas cargas impositivas, e no fomento do modelo das estacións de servizo tradicionais fronte ao auxe das gasolineiras desatendidas.

A proliferación destes puntos de subministro, segundo esta organización, está xerando preocupación no sector, unha inquedanza que foi trasladada, tanto pola Federación Galega de Estacións de Servizo como por sindicatos e outros axentes sociais, á Administración Autonómica, pero sen que ata a data se adoptasen as medidas normativas necesarias para controlar os riscos que este tipo de instalacións implican para os consumidores e usuarios, así como para o medio ambiente. Neste sentido, defenden que non é posible que a normativa que se esixe a estes establecementos sexa a mesma que a que se contempla para as estacións de servizo tradicionais, xa que existen moitas cuestións que se deben ter en conta que afectan á seguridade e aos dereitos dos consumidores.

Como explicou Julio López, secretario de Fegaes, “as demandas dos empresarios do sector céntranse en que se teñan en conta tres puntos primordiais: a protección dos usuarios e a seguridade das instalacións; a accesibilidade para persoas con mobilidade reducida, e a destrución de emprego que leva asociada este modelo”.

Seguridade

No ámbito da seguridade apúntase que nas estacións de servizo desatendidas é precisa un activo labor por parte do consumidor, sendo o único responsable de que non se produzan vertidos nin situacións de risco. “Ao non dispoñer de persoal, resulta imposible actuar de forma rápida e eficaz, deixando a iniciativa e a exclusiva responsabilidade de afrontar a situación a persoas que descoñecen as medidas a adoptar e que non están cualificadas para actuar nestas circunstancias”, afirman. Así, critican que a lexislación actual non contempla medidas de seguridade explícitas para este tipo de situacións, polo que solicitan que se revise a normativa existente e se endurezan as esixencias en materia de seguridade e prevención de riscos.

Así mesmo, Fegaes apunta que as gasolineiras desatendidas están discriminando ao colectivo de persoas con mobilidade reducida ao non contar coas medidas de accesibilidade pertinentes para que estas persoas poidan utilizar con autonomía o dispensador ou o dispositivo de pago. Ademais, consideran que estes puntos de subministro están provocando unha importante destrución de emprego xa que, segundo o informe dos sindicatos especializados e a patronal do sector, só nos dous últimos anos se destruiron 2.700 postos de traballo, o que quere dicir que por cada nova gasolineira desatendida se destrúen 5,4 empregos.

Para rematar, Fara Pérez, vicepresidenta de Fegaes, afirmou que “dende a federación non nos posicionamos en contra da apertura de estacións de servizo desatendidas en Galicia, xa que consideramos que a competencia non é mala e nos fai evolucionar. O que pretendemos é poñer en valor o modelo das estacións de servizo tradicionais que ofrecen os seus servizos con total garantía e cumprindo estritamente coa lexislación vixente. Dende Fegaes queremos trasladar ás administracións pertinentes a necesidade de lexislar especificamente para que as gasolineiras desatendidas garantan total seguridade para os consumidores e usuarios, e para a contorna na que se ubican. Non se poden esixir os mesmos requisitos que se contemplan para as estacións tradicionais ás estacións desatendidas, xa que o seu funcionamento non é equiparable”. Neste sentido, os representantes do sector piden que, se tal como di a CNMC a referencia son outros países europeos onde funcionan este tipo de establecimentos, se tome tamén como exemplo a estrita lexislación que se aplica nestes países.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)