Publicidade

Ourense Termal


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

As vantaxes das enerxías renovables na edificación



REDACCIÓN · PUBLICADO O 11 DE XUñO DE 2018 · (0)



As vantaxes das enerxías renovables na arquitectura e na edificación é o tema central do “XII Simposio internacional sobre enerxías renovables”, que este xoves reunirá en Expourense a expertos neste ámbito nunha xornada orientada a colectivos profesionais: arquitectos, promotores, construtores e instaladores, e tamén a público en xeral. 


Liderado pola Deputación de Ourense e co-organizado por Expourense, o Concello de Ourense e Ingeo, “o congreso está orientado a colectivos profesionais: arquitectos, promotores, construtores e instaladores, e tamén a público en xeral”, lembrou Alfredo Fernández, coordinador da xornada, quen destacou que este encontro servirá tamén para presentar casos prácticos da aplicación das renovables na edificación, como os do complexo “La finca” ou as vivendas construídas nos antigos Estudos Buñuel, ámbolos dous en Madrid. “Trátase de ver esta enerxía como unha vantaxe, non como un inconveniente na construción”, dixo.

A presentación do simposio tivo lugar no Pazo Provincial e contou coa participación do vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, quen sinalou que a renovable “e a primeira opción enerxética para os novos desenvolvementos arquitectónicos” e dixo que España ten ante si “o reto de acometer unha transición enerxética co fin de contribuír a paliar o cambio climático”, destacando a “plena actualidade” do tema do congreso, “que pon en valor a aplicación da eficiencia enerxética das renovables na Arquitectura e no deseño da edificación”.

Fernández referiuse ao proxecto GeoAtlantic, que se presentará no simposio, unha iniciativa coa que Ourense lidera a aplicación desta fonte enerxética na edificación. Neste sentido, o concelleiro ourensán Jorge Pumar destacou que na provincia de Ourense “levamos moito tempo gañado no ámbito das enerxías renovables”, e que o proxecto GeoAtlantic foi un dos 44 seleccionados dos 425 presentados no programa “Espacio Atlántico”, “e de todos eles só 1 de Ourense, o único orientado á enerxía xeotérmica, a cal debemos asociar ao recurso termal que temos na nosa provincia, para seguir destacando esta importante singularidade que nos distingue en Europa e no resto do mundo”.

Pumar explicou que o proxecto GeoAtlantic conta cun orzamento de 2,8 millóns de euros, ten un prazo de execución de 36 meses, e o seu obxectivo é concienciar á sociedade do uso da enerxía xeotérmica na construción. Neste sentido, no simposio presentaranse dous casos prácticos da aplicación da xeotermia na construción de edificios en Ourense: un referido a un hotel no centro de Ourense e o outro, a un edificio de vivendas de seis andares.

Alejandro Rubín, director xerente de Expourense destacou que o congreso “vai xa pola súa duodécima edición, anticipándose a todo o que significa o sector das enerxías renovables”, e apuntou que esta xornada é a continuidade da desenvolvida na pasada edición, “destacando sempre en todas elas a profesionalidade, o liderado da Deputación e o apoio do Concello de Ourense”, a quen agradece a cooperación para levar a cabo este importante encontro de innovación. 

Entre os temas técnicos que se tratarán no simposio destacan, ademais da xeotermia aplicada a edificios, o das bombas de calor, as enerxías bioclimáticas, a integración das enerxías renovables na rehabilitación de edificios, e a presentación do proxecto GeoAtlantic, a cargo do Concello de Ourense. O congreso desenvolverase en horario de 9.30 a 17.30 o vindeiro 14 de xuño en Expourense. Para máis información: www.expourense.org.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)