Publicidade

Ourense Termal


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Antonio Couceiro ponse ao fronte da Confederación Española de Sociedades de Garantía



REDACCIÓN · PUBLICADO O 13 DE XUñO DE 2018 · (0)



O presidente de Afigal e da Cámara de Comercio da Coruña foi elixido por unanimidade presidente da SGR-Cesgar e márcase como retos potenciar a dixitalización do sector e incrementar as relacións institucionais co Goberno central.


Xunto a Couceiro Méndez, integran a Comisión Executiva de SGR-Cesgar, organización que agrupa ás 18 entidades deste tipo existentes en España, Pedro Pisonero Pérez (Iberaval), Antonio Vega Pérez (Garántia) e Pío Aguirre Álvarez de Arcaya (Elkargi), como vicepresidentes; Luis Martínez de Salas y Garrigues (Avalam), como secretario; ademais de Jesús Fernández Sánchez (Isba), como vocal.

Entre as iniciativas que quere desenvolver durante o seu mandato, o novo presidente da entidade destacou a de potenciar o portal “Con aval Sí”, lanzado polas SGR españolas de transaccións directas para o financiamento das pemes, mellorando a operativa coas entidades financeiras a través desta ferramenta. “A contorna económica dos próximos cinco anos apunta a unha evolución positiva, unha oportunidade que pemes e autónomos deben aproveitar e as SGR temos que estar preparadas para apoialas como instrumentos específicos de financiamento que somos”, asegurou na súa intervención tras a asemblea na que foi elixido. Neste sentido, anunciou a súa intención de explorar novas funcións, servizos e cometidos das SGR que “permitan incrementar a súa actividade en beneficio das pemes españolas”.

Couceiro tamén puxo de manifesto a súa intención de incrementar as relacións da confederación con CEOE-Cepyme, contar co apoio da Cámara de España para a difusión do sistema de garantías, así como aproveitar a vicepresidencia de Cesgar na Asociación Europea de Caución Mutua (AECM) para acceder á Comisión Europea, o Banco Europeo de Investimentos (BEI), o Fondo Europeo de Investimentos (FEI) e outros organismos europeos. “Quero que sexa unha Presidencia de consenso na que espero contar co apoio de todos vos para que poidamos facer que o sistema de garantías en España sexa un sistema fundamental no financiamento das pemes do noso país”, afirmou ante a asemblea.

Antonio Couceiro, que substitúe como presidente de SGR-Cesgar a José Rolando Álvarez, presidente de Iberaval, é enxeñeiro de Camiños, Canles e Portos pola Universidade Politécnica de Madrid e preside dende xuño de 2016 a SGR das provincias da Coruña e Lugo, Afigal. Durante máis de 10 anos e ata 2013 foi director xeral de Begano, embotelladora de Coca Cola para Galicia, empresa á que se incorporou procedente da presidencia da Autoridade Portuaria da Coruña (1999-2002). Con anterioridade foi tamén conselleiro de Industria e Comercio (1994-1999), director xeral de Formación e Emprego e do Instituto Galego de Vivenda e Solo. Actualmente é conselleiro independente de Inveravante e de Nueva Pescanova, presidente do Instituto Tecnolóxico de Galicia e da Cámara de Comercio da Coruña.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)