Publicidade

Ourense Termal


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Pontevedra é a provincia con maior ocupación de turismo rural para este verán



REDACCIÓN · PUBLICADO O 02 DE XULLO DE 2018 · (0)



O 48% dos seus aloxamentos rurais estarán ocupados os meses de xullo e agosto, situándose así por diante de provincias como Barcelona (47%), Cádiz (46%), Málaga (45%) ou Navarra (44%). A ocupación en Galicia será do 33%.

Así o indica o portal EscapadaRural.com, que destaca ademais que, a nivel nacional, a ocupación acada o 30%, sendo significativamente superior nas comunidades autónomas costeiras, como é o caso de Galicia. Agosto é, como adoita ser habitual, o mes estrela. De feito, en xullo a ocupación en todo o país é do 25%, mentres que no mes seguinte se eleva ao 34%, o que demostra unha vez máis que é o preferido tamén para gozar das vacacións entre os viaxeiros que optan polo turismo rural.

Ao analizar os datos por rexións, Navarra posiciónase como destino favorito cun 44% de ocupación, por diante de Asturias, cun 40%, e de Cataluña (39%). En cuarta e quinta posición sitúanse Andalucía e as Illas Canarias, ambas cun 37% de ocupación, e a continuación está a comunidade galega cun 33%.

Ademais dos datos de ocupación, obsévase que o máis valorado polo viaxeiro rural á hora de reservar o seu aloxamento é que dispoña de piscina (40%), que estea en contornas illadas (39%), que teña barbacoa (35%), que admita animais (33%) e que conte con equipo de música (32%). Na época máis calurosa do ano, o turista rural non é alleo ás preferencias doutros viaxeiros que buscan establecementos con piscina que lles permitan refrescarse e fan fronte ás altas temperaturas que se rexistran no noso país.

En canto ao tipo de aluguer é o íntegro o que gaña pola mínima, co 34 % das reservas, fronte ao 33% dos aloxamentos por habitacións. Por último, o portal destaca que o prezo medio dos aloxamentos reservados sitúase en 19,42 euros por persoa e día.

Estes datos dun 30% de ocupación en verán demostran que “a climatoloxía adversa que tivemos esta primavera está retrasando o momento de facer as reservas no sector, pero as espectativas de cara ao verán se manten estables, con datos similares aos rexistrados o ano pasado”, segundo Ana Alonso, directora de comunicación de Escapadarural.com.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)