Publicidade

Ourense Termal


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

España retrocede en saúde e benestar



REDACCIÓN · PUBLICADO O 10 DE XULLO DE 2018 · (0)



O estudo “Cigna 360º Wellbeing Survey 2018” revela que os españois se queixan da falta de tempo para os seus amigos e aficións., que este é un dos países peor preparados para a vellez, pero que está entre os que menos sufren o estrés.


A pesar de que a calidade de vida vai mellorando no noso país, os españois sufriron no último ano un retroceso xeralizado na súa saúde e benestar. Así o reflicten os datos relativos a España na cuarta edición deste estudo, que amosa que, a excepción da contorna laboral, o resto das categorías valoradas saúde física, situación familiar, capacidade financeira e contexto social caen en 2018.

O benestar social é un dos puntos máis afectados. Os españois afirman que o tempo que destinan ás súas amistades e aficións é escaso. En concreto, esta percepción descende nove puntos, ao pasar dun 65,6 sobre 100 en 2017 a un 56,7 sobre 100 en 2018. Outros tres aspectos que tamén empeoraron son os relativos á saúde física, a situación familiar e a capacidade financeira. Unicamente mellora o benestar na contorna laboral, que aumenta 1,4 puntos, acadando unha nota de 66 puntos, grazas especialmente á satisfacción persoal, moito máis valorada no noso país que a cuestión salarial.

Neste sentido, non dispoñer de tempo suficiente para facerse cargo da saúde dos pais ou a capacidade de facer fronte ás necesidades financeiras dos fillos son os dous principais problemas que marcan a caída do índice de satisfacción do contexto familiar. No caso da saúde física, a calidade de sono é a que marca a diferenza. Respecto á situación financeira, aínda que cun leve descenso, o informe incide en que todas as dimensións analizadas se manteñen máis ou menos estables, exceptuando a posibilidade de facer fronte a gastos económicos se, por algún motivo, non fose posible continuar en activo. Finalmente, e pese á mellora do benestar laboral, o salario segue sendo o hándicap principal.

A diferenza dos outros 22 países analizados, o estudo de 2018 non amosa contrastes salientables por sexo en España. Chama a atención a lixeira diferenza entre homes e mulleres no aspecto financeiro, sendo eles os que mellor capacidade económica presentan. O que si se percibe é un claro pesimismo desta cuestión nos adultos máis maiores, sendo os millennials, sen embargo, os máis positivos.

Pouco estresados

En xeral, o estrés non é unha gran preocupación en España. É máis, a escala global, é un dos países menos afectados, xa que só un de cada dez entrevistados recoñece que vive cuns niveis de estrés inmanexables. Neste sentido, as mulleres son máis propensas a sufrilo, especialmente no eido financeiro e familiar.

Esta relativa tolerancia ao estrés ten a súa orixe, sobre todo, na estreita relación de confianza que manteñen os españois cos seus familiares e amigos, na práctica de exercicio e no feito de durmir máis tempo. Non é un tema que, sen embargo, se trate nas empresas, xa que arredor do 60% dos entrevistados asegura non dispoñer dun programa de saúde e benestar no traballo. Tampouco se percibe axuda profesional ao respecto. Ademais, moi poucos entrevistados están dispostos a buscar apoio psicolóxico para lidiar co estrés, sobre todo no caso dos millennials.

Vellez

En comparación con outros países, os españois están menos preparados para a vellez: só a metade dos entrevistados di estar listo para manter unha vida social activa nestes anos, e só un de cada tres cre que será quen de facerse cargo da súa familia e do incremento do custo médico que supón o facerse maior. Por sexo, as menos optimistas son as mulleres.

Aqueles que din estar máis preparados son aquelas persoas casadas e con fillos, que teñen unha boa situación económica e que actualmente están traballando”, afirma Eduardo Pitto, director comercial de Cigna España. “O ritmo de vida laboral no que estamos inmersos está facendo que nos repensemos en todos os sentidos o que significa cumprir anos. Por iso, un dos nosos principais eixos estratéxicos está sendo o envellecemento. Queremos concienciar sobre a importancia de prepararse e coidarse de cara ao futuro”, explica.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)