Publicidade

Ourense Termal


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Compromiso coa sociedade



REDACCIÓN · PUBLICADO O 10 DE AGOSTO DE 2018 · (0)



Máis de 2.100 actividades anuais constitúen o programa de responsabilidade social corporativa da compañía de distribución galega Gadisa, materializado a través de patrocinios e colaboracións en ámbitos culturais, deportivos, solidarios e de desenvolvemento local.


O labor de RSC de Gadisa, desenvolvido tanto en Galicia como en Castela e León, veuse avalado este ano por diversos galardóns, como o Premio Empresa Social ou o Premio Excelencia á Salúde, xunto co apoio querepresenta unha acollida en constante progresión, como no caso do programa de recollida de alimentos “Maio Solidario”, que rexistrou un incremento do 8,5% respecto a 2017.

Os obxectivos primordiais que a compañía mantén neste ámbito diríxense, entre outros, á sostibilidade nunha contorna respectuosa co medioambiente, a creación de riqueza en condicións dignas, a transparencia na xestión, a atención a diferentes grupos sociais, a participación en proxectos relevantes que melloran a calidade de vida e o fomento de hábitos de consumo saudable. Deporte, cultura, desenvolvemento local e accións solidarias articulan as máis de 2.100 accións de RSC levadas a cabo anualmente.

A implicación coa contorna lévase a cabo baixo a premisa de cubrir na súa integridade o territorio no que se desenvolve a actividade comercial e abarcar todo tipo de accións, dende a colaboración con grandes e modernos acontecementos nas capitais ao apoio a iniciativas en zonas semiurbanas e rurais que facilitan a súa celebración; dende patrocinios de destacadas citas deportivas á implicación en actividades desenvolvidas por colexios e asociacións de pais de alumnos.

Deporte e hábitos saudables

O deporte, vinculado ao fomento de hábitos saudables que entroncan coa filosofía empresarial da compañía, conforma outro núcleo primordial, promovendo propostas de ocio familiar (Xira Karting, Equiocio); participando en numerosos campus, probas de atletismo, ciclismo e motor (Desafío Illas Cíes, Ironman As Pontes, Media Maratón Vigo, Rally A Coruña), e patrocinando deportes urbanos e acuáticos (Street Stunts, Regata Príncipe de Asturias del Club de Yates de Baiona, Pantín Classic Galicia Pro). Entre as súas iniciativas principais figura o apoio ao Equipo Paralímpico Español, que recentemente visitou a sede da compañía para transmitir o seu agradecemento.

Promover unha forma de vida sa, respectuosa co medioambiente e que free o desperdicio alimentario é o obxectivo de dúas das iniciativas máis exitosas do plan de RSC: o programa de visitas escolares Alimentes e o tráiler coa exposición itinerante de Alimentación Saudable e Consumo Responsable. Máis de 8.000 alumnos de Infantil e Primaria de Galicia e Castela e León reciben anualmente nocións teóricas complementadas con visitas guiadas a supermercados. Baixo a mesma premisa, o tráiler chegou a decenas de miles de persoas cun percorrido que abarca is de 30 localidades das dúas comunidades autónomas.

Cultura

Un dos piares deste programa de RSC constitúeno as accións relacionadas coa cultura, baixo o obxectivo de achegala nas súas diferentes manifestacións (música, cine, teatro, danza) á sociedade, tanto nos principais núcleos urbanos como en poboacións de menor número de habitantes. A compañía abarca neste eido un amplo abanico de accións, onde a música ocupa un espazo destacado mediante o apoio a un nutrido número de festivais, dende citas convertidas en referentes (Festival de Ortigueira, Marisquiño, Festival da Luz) e emerxentes como o exitoso O Son do Camiño, celebrado o pasado mes de xuño, a encontros de alcance máis restrinxido de pop, rock e música clásica. Esta mesma filosofía aplícaa no apoio ao cine, onde conviven dende a Semana Internacional de Cine de Valladolid (Seminci) ao Curtocircuito de Santiago de Compostela ou o Festival de Cans de Porriño.

No afán por trasladar a cultura a toda a sociedade, a compañía galega colabora en proxectos como “Cultura no camiño”, organizado pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e Turismo de Galicia, onde se desenvolven máis de 340 actuacións a cargo de 146 formacións artísticas nun cento de municipios situados nas rutas xacobeas.

E neste eido ocupa tamén un lugar moi especial o Día das Letras Galegas, plasmado na publicación ao longo dos últimos 15 anos de máis de 300.000 libros escritos en galego. En paralelo, súmase ao recoñecemento ao autor homenaxeado en cada edición, contribuíndo a difundir a súa obra mediante a inclusión de fragmentos en marcapáxinas e bolsas distribuídos aos seus clientes.

Solidariedade e impulso local

A vertente solidaria, dirixida ás persoas menos favorecidas, ramifícase no traballo con fundacións, asociacións e ONG, con mención especial á acción de recollida de alimentos “Maio Solidario”, que acumula máis de 800.000 quilogramos de produtos recollidos tras bater un novo récord na última edición, grazas ao altruísmo dos clientes e o traballo conxunto de voluntarios de bancos de alimentos e empregados de Gadisa. E o impulso da economía e comercio locais, que comeza polo traballo coa súa rede de 859 provedores, tradúcese no apoio a festas gastronómicas e feiras de comercio, complementado coa colaboración con diversas asociacións.

Xunto a isto, a compañía con sede en Betanzos mantén unha política de respecto e contribución á preservación do medioambiente coa introdución de melloras continuadas nos seus puntos de venda e rede loxística, que permiten minimizar o consumo enerxético e reducir as emisións contaminantes. Anualmente recicla 6.904 toneladas de cartón, 776 de plástico e 228 de madeira, e realiza ademais 5,076 millóns de movementos de caixas de plástico reutilizables.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)