Publicidade

Ourense Termal


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Pontevedra é a terceira provincia española con mellor ocupación rural do verán



REDACCIÓN · PUBLICADO O 04 DE SETEMBRO DE 2018 · (0)



A ocupación media en España durante os meses de xullo e agosto péchase nove puntos por riba do estimado antes do inicio do verán. Por comunidades autónomas e cun 39% de ocupación entre o 1 de xullo e o 31 de agosto, Galicia sitúase no oitavo posto da clasificación.

O mes de agosto pecha un verán cun balance positivo para o sector do turismo rural, que rexistrou unha ocupación media en España do 39%, segundo datos do portal EscapadaRural.com. Esta cifra, baseada en máis de 10.000 calendarios actualizados, supera claramente as previsión adiantadas ao comezo da tempada, un feito que a directora de Comunicación do portal, Ana Alonso, atribúe á “mellora na climatoloxía nas últimas semanas”, o que propiciou “un aumento de reservas de última hora”. Así mesmo, a ocupación deste ano sitúase lixeiramente por riba da obtida o ano anterior (37%).

Un ano máis, agosto foi o mes máis forte do verán, cunha ocupación do 51% fronte a un 31% en xullo. Esta diferenza confirma que agosto segue sendo o mes de vacacións por excelencia, tamén para todos aqueles que se decantan por practicar turismo rural. Alonso engade que, “tras unha primavera con resultados irregulares e certas dúbidas sobre cal sería o balance do verán, resulta positivo ver como esta segue sendo a mellor época para afianzar a recuperación do sector e mirar con optimismo cara o peche do ano“.

Os datos de ocupación do verán 2018 son incluso mellores ao analizar o impacto concreto que tiveron nas comunidades autónomas máis solicitadas. Así, EscapadaRural.com destaca como este ano son sete as comunidades autónomas que rexistraron niveis de ocupación por riba do 40%. Concretamente, Asturias (51%), Navarra (51%), Murcia (49%), Cataluña (47%), Andalucía (46%), País Vasco (43%) e Illas Canarias (42%) concentraron os maiores niveis de reservas, mentres que Galicia, no oitavo posto, quedouse ás portas de entrar nese grupo cun 39% de ocupación. Á cola sitúanse a Comunidade de Madrid (27%), Castela-A Mancha (26%) e A Rioxa (23%), que foron os territorios con menores índices de ocupación este verán.

Provincias

Por provincias, a demanda concentrouse en Cádiz (56%), Barcelona (54%), Pontevedra e Málaga (53%). Cun 51% de ocupación, completan o top 10 Navarra, Córdoba e Asturias, Murcia (49%), Guipúzcoa (48%) e Xirona (47%), o que constata a preferencia polos destinos próximos á costa dos turistas que elixen aloxamentos rurais en verán.

O prezo medio por persoa e noite dos aloxamentos reservados situouse arredor dos 21 euros, sendo os establecementos de aluguer íntegro os que obtiveron máis reservas (44%). Curiosamente, as comunidades con prezo medio máis elevado son aquelas que este verán se situaron á cola do ranking, como é o caso de Madrid, con 29 euros de media.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)