Publicidade

Ourense Termal


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Primeira sentenza contra o Banco Popular na Coruña



REDACCIÓN · PUBLICADO O 06 DE SETEMBRO DE 2018 · (0)



Un xulgado coruñés súmase á anulación de accións da entidade, agora propiedade do Santander, e condéaa a devolver 4.225 euros a dous clientes. O avogado dos afectados, Xoán Antón Pérez-Lema, recorrerá para que o banco asuma tamén as custas xudicias.


Nunha nova sentenza, a primeira que se dita na Coruña, o xulgado de Primeira Instancia número 5 acaba de anular unha compra de accións por valor de 4.225 euros correspondentes á ampliación de capital de 2016 do Banco Popular. O informe pericial achegado polos demandantes resalta que “nun ano apareceron perdas por máis de 4.000 millóns de euros” que non se reflectían na información achegada aos accionistas na correspondente Nota de Valores. A entidade demandada, pola súa banda, presentou un contrainforme no que cualificaba de “conxecturas e especulacións sen fundamento” os datos aportados polo perito dos demandantes.

Ante os informes das dúas partes, a xuíza conclúe que o Banco Popular “non xustifica o porqué desa discordancia na situación económica da entidade antes e despois da emisión, sendo a ela, a entidade emisora, a quen incumbía demostrar que a información económica facilitada no folleto e a data de emisión das accións reflectía a súa real situación financeira, en canto responsable dela”.

Considera na súa sentenza que “a contradición entre a Nota de Valores e a situación real da entidade financeira foi o que levou aos accionistas a subscribir as accións cun vicio invalidante no consentimento”, o que xustifica a nulidade da adquisición das accións e a obriga do Popular de devolverlles aos demandantes os 4.225 euros investidos máis os xuros desde xuño de 2016.

Custas

A xuíza non impón, porén, o pago das custas á entidade “dadas as dúbidas de feito e de dereito que a cuestión xera” e a “existencia de resolucións contraditorias ao resolver esta cuestión”. Neste sentido, o avogado Xoán Antón Pérez-Lema, que dirixiu a demanda, anuncia o seu propósito de apelar contra este aspecto da sentenza perante a Audiencia Provincial da Coruña, por entender que “non existen dúbidas de feito e dereito, xa que hai probas terminantes e concluíntes que demostran o erro no consentimento”.

Tampouco se pode falar de resolucións contraditorias, xa que as que se dan entre as ditadas por algúns xulgados de fóra de Galicia “poden deberse á insuficiencia das probas achegadas por outros demandantes que non achegaron informe pericial”. “Pero non existen discrepancias engade entre audiencias provinciais ou entre distintas seccións da mesma Audiencia”. Polo demais, sinala que se a nulidade comporta restablecer o estado financeiro orixinal entre as partes, o pago das custas vén penalizar directamente aos prexudicados aos que se lles estimou a demanda.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)