Publicidade

Ourense Termal


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Preparando as novas xeracións para os traballos que chegan



REDACCIÓN · PUBLICADO O 10 DE SETEMBRO DE 2018 · (0)



O tesoureiro do Cpeig, Francisco Rodríguez, lembra que moitos dos empregos actuais desaparecerán –sobre un 43%– e haberá novos traballos con competencias no ámbito dixital. De aí as 40 xornadas sobre robótica, pilotaxe de drons e creación de personaxes para videoxogos do “Tech Kids” que o seu colexio organiza co Amtega.


“A mocidade deberá superar distintos retos amosando a súa capacidade de resolución de problemas, ao tempo que desenvolve creatividade e interese pola tecnoloxía”. Tamén faise fincapé no fomento do talento dixital feminino, para que as rapazas vexan a computación e a enxeñería como algo propio delas e consideren a profesión como un traballo que as axudará a acadar as súas ambicións. Os mozos e mozas interesados deben inscribirse na Aula CeMIT da súa localidade.

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (Cpeig) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia teñen preparado para esta semana unha xornada sobre os “Retos de programación e robótica” nas Aulas CeMIT dos concellos de Abegondo (luns-10), Fisterra (martes-11), Pontedeume (mércores-12) e Pontevedra (jueves-13); outra xornada sobre “Pilotaxe de drons” nas Aulas CeMIT dos concello de Cerceda (luns-10), Valga (martes-11), Celanova (mércores-12), Ribadeo (xoves-13) e Vimianzo (venres-14); e unha terceira xornada de “Deseña a túa personaxe” nas Aulas CeMIT dos concellos de Narón (venres-14) e Leiro (sábado-15). 

Nas xornadas de retos de programación e robótica (Stem Scape Room), os desafíos xirarán ao redor da iniciación á programación con escornabot, printbot ou programación de videoxogos con makey makey. Coa programación con escornabot consistirá en percorrer un circuíto con obstáculos levando dun punto a outro o robot. Os rapaces terán que programalo para que evite as dificultades e consiga chegar á meta dunha soa peza.

O reto da programación con printbot (na imaxe) consistirá en programar un código que se executará no robot, que terá unha electrónica capaz de seguir unha liña negra sobre un fondo branco. Os máis pequenos aprenderán a programar cunha linguaxe visual o código preciso para que o robot sexa capaz de seguir a liña. E na programación de videoxogos con makey makey, os cativos usarán esta ferramenta para achegarse á electrónica creando un proxecto no que se simulará o xogo de mesa de operación. Utilizando como linguaxe de programación o scratch, programarán o seu propio videoxogo de operación.

A profesión de moda

 Co o aumento de ofertas de traballo relacionadas cos drons a xornada de iniciación na pilotaxe está destinada a rapaces e rapazas de entre 8 e 16 anos que coñecerán as súas partes, como se montan e como son capaces de voar. Tamén farán unha práctica empregando dous tipos de aeronaves: un overcraft –para entender os controis e movementos– e un dron co que percorrerán un circuíto e mesmo competirán entre eles.

E a última das xornadas,“Deseña o teu personaxe”, estará destinada á creación de personaxes para videoxogos. Aprenderán a crear un personaxe desde o seu deseño na fase de Concept Art ata o seu modelado; coñecerán os trucos necesarios para enfrontarse aos puntos clave do proceso como anatomía, dimensións, proporcións, sensacións que debe transmitir, así como a ambientación e historia do personaxe.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)