Publicidade

Ourense Termal


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Círculo pídelle ao Goberno certezas e que priorice o importante



REDACCIÓN · PUBLICADO O 12 DE SETEMBRO DE 2018 · (0)



O Círculo de Empresarios de Galicia quere medidas que estendan a recuperación económica e anima a centrarse en “cuestións realmente urxentes e que preocupan”. Demanda dos partidos acordos de Estado “por riba de estratexias cortoplacistas e intereses electorais” para que poñan por diante “ás próximas xeracións”.


Os empresarios galegos aseguran que botan en falta actuacións que palien a situación. “A crise económica non remitiu nos seus estratos medios e baixos, o nivel de débeda mantense alto, do mesmo xeito que os índices de desemprego; e sufrimos unha grave crise territorial como consecuencia da posta en marcha do proceso de secesión en Cataluña”.

Os últimos datos poderían estar a advertir do arrefriado da economía española polo que coidan preciso avanzar nas reformas estruturais iniciadas e comezar a traballar en serio en asuntos como as pensións, a revolución tecnolóxica, o déficit fiscal ou a política migratoria. Especialmente, piden implementar políticas de control de gasto para asegurar a redución paulatina do déficit e responder inexcusablemente aos acordos establecidos coa Unión Europea sobre a aminoración; e en segundo lugar, a estabilidade orzamentaria impón rigor na previsión de ingresos e teito de gasto.

“Non consideramos necesario reiterar que o risco é un factor asumido como inherente á actividade das empresas, mentres que a inseguridade xurídica, a inestabilidade política e a incerteza son elementos que retraen dita actividade e escorrentan o investimento, algo que podería estar a comezar a pasar”. “A economía española e a sociedade española precisan máis ca nunca certezas e seguridade xurídicas para fortalecer o crecemento, a estabilidade e, en definitiva, o benestar”; de aí que pida centrarse nas cuestións urxentes “e tramitar polas canles ordinarias outro tipo de medidas.” 



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)