Publicidade

Ourense Termal


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Emilio Pérez Nieto, Medalla de Oro do Círculo de Empresarios de Galicia



REDACCIÓN · PUBLICADO O 13 DE SETEMBRO DE 2018 · (0)



O ourensán, presidente de honra de Pérez Rumbao, recibirana en novembro nunha data por confirmar. A concesión leva parello o nomeamento como Socio Distinguido, E foi acordada por unanimidade pola xunta directiva dos empresarios.


A súa implicación levouno a presidir a Confederación Empresarial de Ourense (1977-1983), a Confederación de Empresarios de Galicia (1982-1984), o Consello Social da Universidade de Santiago (1987-1997) e a Asociación Galega de Empresa Familiar (2010-2017). Hoxe preside o Foro Económico de Galicia.

Nacido en 1942 e licenciado en Ciencias Económicas e Empresariais pola Universidade de Bilbao fíxose cargo, con 23 anos, da empresa familiar “Ramón Pérez  Rumbao”, que na década dos cincuenta conseguira as primeiras concesións de Seat e  Pegaso. Pouco despois chegaron as concesións de Audi e Volkswagen e iniciouse a internacionalización. A partir da década dos oitenta estendeu a súa actividade a toda Galicia, incorporando con UNVI, a fabricación de carrocerías para o transporte de pasaxeiros.

Desde 1964 ata 2012 presidiu unha firma que hoxe xestiona concesionarios de turismos e vehículos industriais en toda Galicia; matriz dunha trintena de empresas que operan no ramo da automoción, dá emprego a 1.500 traballadores e facturou 380 millóns de euros en 2017. Ademais de concesionarios opera na distribución de produtos derivados do petróleo (gasolineiras en Ourense e Vigo, e distribución de butano no sur de Pontevedra), e na actividade industrial, con mercados en todo o mundo aos que exporta o 70% da produción.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)