Publicidade

Ourense Termal


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Ourense afonda no seu papel como capital termal



REDACCIÓN · PUBLICADO O 05 DE OUTUBRO DE 2018 · (0)



O presidente da Deputación de Ourense e vicepresidente da Asociación de Cidades Termais Históricas de Europa (Ehtta), Manuel Baltar, destacou Ourense como un territorio “que fortalece a maior rede europea da cultura termal nos ámbitos científico, turístico e de saúde”.


No acto de inauguración da asemblea da asociación termal europea, Baltar remarcou “a responsabilidade dos gobernos locais intermedios na valorización dos recursos do territorio, como único nivel administrativo con capacidade e visión para reforzar o vínculo entre áreas urbanas e rurais”, e lembrou no seu discurso á figura do doutor Luis Rodríguez Míguez, “un dos pioneiros no estudo do termalismo, a quen a Deputación de Ourense vén de concederlle, a título póstumo, a medalla de ouro da provincia”.

No acto, celebrado no salón de plenos do Concello de Ourense, coa participación de medio cento de delegados dos principais destinos termais de Europa, o presidente provincial puxo como exemplo de cooperación e optimización de recursos ao proxecto Provincia Intelixente: “O seu desenvolvemento permitirá a prestación de servizos innovadores, sentando as bases para un novo modelo produtivo tecnolóxico, sostible e vinculado ao coñecemento e ao noso territorio”, dixo Baltar

Pola súa banda, Giuseppe Bellandi, presidente da Ehtta, subliñou a vantaxe que supón para Europa “contar cunha rede de networking como a que abrangue o termalismo, pois as diferentes identidades e culturas que temos son unha fonte que nos enriquece constantemente”. Bellandi presidiu o desenvolvemento da asemblea, na que que analizaron ademais temas económicos, proxectos, publicacións e a axenda de actividades científicas e promocionais da rede, e puxo o acento “en seguir mantendo o tesouro que significa a auga termal como canle de entendemento, progreso e competitividade para os nosos territorios” e animou a continuar coas estratexias de investigación e desenvolvemento turístico “nun sector forte e de grandes potencialidades”.

Na asemblea, co-organizada pola Deputación e o Concello de Ourense, tamén participaron o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, e a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro. Ademais, dos relatorios o programa deste cumio termal inclúe visitas guiadas a diferentes enclaves termais da cidade e da provincia. Mañá venres os participantes visitarán á Ribeira Sacra e o balneario de Laias Caldaria, participando nunha presentación de programas de termalismo.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)