Publicidade

Ourense Termal


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

“Me chaman por paridade ou porque realmente lles gusta o meu traballo?”



REDACCIÓN · PUBLICADO O 09 DE OUTUBRO DE 2018 · (0)



É o que se pregunta a química e divulgadora científica Deborah García, que onte participou en Lugo co “Girl Stem: derrubando estereotipos” ante máis de 100 rapaces para analizar a situación das mulleres na ciencia.
<


No IES Nosa Señora dos Ollos Grandes da capital luguesa, a influencer científica que ten máis de 30.000 seguidores en todas as súas redes sociais fixo fincapé na dificultades que, a día de hoxe, afrontan as mulleres no eido científico e tecnolóxico. “Antes, cando ía a un acto de divulgación, moitas veces sentía que se forzaba a paridade”, reflexionou.

Sobre a situación das mulleres científicas considera que é necesario equiparar as baixas de maternidade e paternidade para que ambos proxenitores repartan as cargas. “O ámbito da investigación científica é moi duro, porque esixe moitas horas e desprazarse continuamente de cidade en cidade, algo que moitas mulleres que deciden ser nais non se poden permitir”, explicou.

Ademais, cre que a investigación é un esforzo que non se ve recompensado economicamente. “Ten que cambiar o sistema público de contratación para as persoas investigadoras. En Ciencia nunca temos estabilidade. De feito, só se pode conseguir unha cátedra despois de moitos anos e raramente antes dos 50, o cal trunca a vida persoal e familiar de moitas mulleres”. Coa súa participación no programa 'Girl Stem', Deborah García súmase a outras referentes que queren contribuír a reducir a fenda de xénero que existe entre mulleres e homes nos estudos nos campos STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas), nas que o alumnado feminino apenas se sitúa en torno ao 30%.

Un perfil abraiante

Deborah García Bello (A Coruña, 1984) é colaboradora de Televisión Española e Televisión de Galicia. Ten a súa propia sección de ciencias todos os mércores na Radio Galega e escribe para diferentes medios como El País, La Voz de Galicia, o cultural «O observador da beleza» de L'ORÉAL, o Caderno de Cultura Científica da UPV/ EHU ou Naukas, e dá conferencias en todo o mundo. Ademais, é formadora en hábitos saudables para Inditex.

Desde 2016 é a directora científica das xornadas «Ciencia e Arte» da Universidade do País Vasco e o Museo Guggenheim de Bilbao. Está a facer o doutoramento na Universidade da Coruña sobre Divulgación científica a través da relación entre a ciencia e a arte contemporánea. É membro da Asociación Galega de Comunicación de Cultura Científica e Tecnolóxica e da Asociación Española de Comunicación Científica.

Autora do aclamado blog dimetilsulfuro.es, polo que recibiu o Premio Bitácoras 2014 ao mellor blogue de ciencia nacional a súa canle de Youtube conta con máis de 18.000 subscritores, que se suman aos máis de 13.000 en Twitter. É autora do libro Todo é cuestión de química (Ed. Paidós, 2016), galardoado co Premio Prismas ao mellor libro editado sobre divulgación científica en 2017. Pola súa actividade divulgadora recibiu un premio Jot Down Ciencia en 2017 e recibiu o Premio Tesla á divulgación en 2016.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)