Publicidade

Ourense Termal


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Cara á E-administración



REDACCIÓN · PUBLICADO O 11 DE OUTUBRO DE 2018 · (0)



O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia inaugurarán o martes o curso superior de administración electrónica na Escola Galega de Administración Pública.


O acto, que estará aberto ao público en xeral e se celebrará ás 11.00 horas no salón de actos da EGAP, en Santiago de Compostela, será inaugurado pola directora de Amtega, Mar Pereira Álvarez; a directora da EGAP, Sonia Rodríguez Campos, e o presidente do Cpeig, Fernando Suárez Lorenzo. A continuación, terá lugar un relatorio maxistral, titulado “Presente e futuro da administración electrónica”, que será impartido polo vogal asesor do Departamento de Xestión Tributaria da Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT), Domingo Molina Moscoso, e o socio de Consultoría de Sector Público EY, Carlos González Luis.

Este curso pretende afondar, dende unha perspectiva técnico-xurídica, na concepción da administración electrónica, incidindo na importancia que ten a súa implantación nas distintas administracións desta comunidade autónoma. Os contidos do programa enfocarán dende distintas perspectivas a administración electrónica para que as persoas ás que se dirixe adquiran ou perfeccionen os coñecementos teóricos e prácticos da informática e do dereito, completando a súa formación no dereito da informática. O presidente do Cpeig sinala que o curso sempre ten unha alta demanda de matrículas e conta con profesionais de recoñecido prestixio en cada unha das materias que se abordarán.

A actividade, que conta con 80 prazas, está destinada a persoal empregado público, en situación de servizo activo da Administración autonómica e entidades instrumentais da comunidade autónoma de Galicia. Celebrarase do 16 de outubro ao 27 de novembro, en horario de 11.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 19.00 horas.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)