Publicidade

Ourense Termal


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

A segunda colleita máis abundante da historia



REDACCIÓN · PUBLICADO O 31 DE OUTUBRO DE 2018 · (0)



As cinco denominacións de orixe galegas recolleron nesta campaña máis de 64 millóns de quilos de uva fronte aos 61 millóns do ano pasado, o que supón un incremento dun 4,3%, con respecto ao ano anterior o que converte a esta colleita na máis abundante da historia na nosa comunidade.


O sector vitivinícola galego xa ten o balance da vendima deste ano. As cinco denominacións de orixe recolleron máis de 64 millóns de quilos de uva, dos que o 83,5% corresponde a variedades brancas (máis de 53 millóns de quilos) e o 16,5% a variedades tintas (máis de 10 millóns de quilos).

Unhas cifras que sitúan a vendima de 2018 como a segunda máis abondosa da historia, só por detrás da vendima de 2011; e colócase un 9,7% por riba da media do decenio 2009-2018. En total, na vendima deste ano, participaron un total de 447 adegas e máis de 10.300 viticultores.

Por denominacións de orixe, Rías Baixas foi a que máis uva recolleu (o 60%), seguida polo Ribeiro (14% e case 9 millóns de quilos de uva) e por Ribeira Sacra con case o 10% e máis de 6 millóns de quilos de uva, o que supón case un 12% máis que o ano pasado. A D.O. Valdeorras tamén aumentou a súa produción este ano, ao recoller máis de 4 millóns de quilos de uva e a D.O. Monterrei, con máis de 5 millóns de quilos, experimentou o maior incremento –case un 94% con respecto ao ano anterior—. De feito esta colleita representa un 173% da media das colleitas dos últimos dez anos.

Predomina a uva albariña

As variedades de cultivo tradicional, potencialmente produtoras de viño de calidade, seguen ocupando un peso fundamental no conxunto da vendima: a albariña representa un 71% da uva branca total; a treixadura e o godello supoñen, respectivamente, máis dun 10% da uva branca total; e a mencía comprende case o 80% da uva tinta total.

As cinco denominacións de orixe galegas comercializaron na última campaña máis dun 7% de viño cualificado que na anterior. E, na campaña 2016-2017, comercializaron no mercado exterior case 78.000 hectolitros, un 18,2% da produción total comercializada, o que supón un valor económico de case 40 millóns de euros.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)