Publicidade

Ourense Termal


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

O crédito ao consumo medra oito puntos por riba do hipotecario en 2018



REDACCIÓN · PUBLICADO O 02 DE NOVEMBRO DE 2018 · (0)



Segundo un estudo da consultora Ais Group, a xestión do crédito ao consumo por parte das entidades adoita ser máis complexa, xa que xeralmente teñen menos garantías reais para facer fronte á devolución de posibles impagos.


Nos oito primeiros meses de 2018 o crédito concedido ás familias españolas medrou un 2% respecto ao mesmo período do ano pasado, cun volume total de 156.355 millóns de euros en novos créditos. Este crecemento está liderado polo crédito ao consumo. De acordo cos últimos datos publicados polo Banco de España correspondentes a agosto de 2018, entre xaneiro e ese mes concedéronse créditos ao consumo por valor de 22.807 millóns de euros, un 22% máis que o outorgado no mesmo período de 2017. Esta taxa supera os novos créditos destinados á vivenda, que no mesmo período medraron un 14% respecto ao mesmo prazo do ano pasado.

Si baixa, en cambio, o crédito a través de tarxetas de crédito, onde nos oito primeiros meses do ano se produciron operacións por valor de case 90.325 millóns de euros, uns 7.000 millóns menos que durante os mesmos meses de 2017, cun descenso que rolda o 7,5%. Se se considera o conxunto das novas operacións de crédito formalizadas entre xaneiro e agosto de 2018, sexa cal sexa a súa finalidade (consumo, hipotecario, outros…), os datos revelan unha tendencia alcista respecto ao ano anterior. Sen embargo, o total da carteira de préstamos ás familias, que contén todos aqueles préstamos pendentes de amortización, independentemente de cando se formalizasen, está caendo dende 2010.

Segundo José Manuel Aguirre, economista e director comercial de AIS Group, “a carteira do crédito a familias está en fase de contracción en practicamente todas as modalidades de financiamento dende hai anos, o que non impide que o crédito ao consumo (un segmento minoritario deste conxunto) manteña unhas taxas de crecemento de dous díxitos dende finais de 2014”. Este comportamento correspóndese cunha mellora da economía que estimula un maior consumo por parte das familias. “Sen embargo, está xerando preocupación entre os reguladores comenta Aguirre como se pon de manifesto no último boletín do Banco de España, que alerta de crecemento positivo do consumo e as súas posibles consecuencias”.

Control

O crédito ao consumo representa ao redor do 7% do total dos préstamos aos fogares, case 49.000 millóns de euros dos máis dos 655.000 millóns que conforman a carteira total de financiamento a familias. Pese a iso, o Banco de España e o Banco Central Europeo xa empezaron a controlar a evolución das carteiras por estes recentes incrementos de volume.

A xestión do crédito ao consumo por parte das entidades pode ser máis complexa que o resto de segmentos, xa que xeralmente teñen menos garantías reais para facer fronte á devolución de posibles impagos. Neste punto céntranse os supervisores para recomendar aos bancos en xeral e aos españois en particular, que promovan técnicas e políticas de concesión baseadas nunha correcta avaliación dos riscos de crédito. “As normativas nacionais emanadas das normas IFRS9 indica Aguirre presentan a necesidade de anticiparse ao deterioro nas calidades do risco das carteiras de crédito a fin de calcular as provisións para facer fronte a futuros impagos”.

A aplicación de ferramentas de última xeración baseadas en técnicas de intelixencia artificial como o machine learning para a estimación anticipada de potenciais perdas futuras en escenarios macroeconómicos adversos está sendo moi exitosa como medida preventiva nas entidades que as están implementando. Este tipo de software permite visualizar diferentes escenarios futuros e simultaneamente desenvolver modelos que inclúen unha cantidade de variables moito maior que as técnicas habituais coas que veñen traballando as entidades. O resultado é que coa aplicación do machine learning se mellora substancialmente a capacidade preditiva dos modelos estatísticos tradicionais. “O rango de mellora do poder de predición que achega o machine learning abarca do 25% ao 50%, o que traducido a termos de negocio son cantidades nada despreciables”, explica o economista.

Anticipación

Son varias as entidades que están aplicando técnicas de machine learning en xestión do risco, especialmente no que atangue a seguimento das carteiras a través de sistemas de alertas capaces de anticipar os niveis de deterioro do risco en varios meses, axudando efectivamente á xestión das carteiras, pois dá ás entidades marxe de actuación para mitigar os efectos adversos antes de que se produzan.

Non obstante, en España, agás algunha excepción, os grandes bancos non están aínda aproveitando o potencial dos modelos de machine learning para outorgar créditos. “É algo que deben pensarse seriamenterecomenda Aguirre, pois integra información non tradicional moi útil, especialmente no proceso de transformación dixital en que está inmersa a banca actualmente. É o caso de información sobre o comportamento de usuarios e clientes, por exemplo. “Isto sumado ao maior poder de discriminación que achegan as técnicas de machine learning tradúcese en mellores procesos de admisión de créditos, máis axustados ao apetito ao risco de cada entidade e que poden responder perfectamente á chamada á concesión con prudencia que reclama o regulador, conclúe.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)