Publicidade

Ourense Termal


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

A colleita de lúpulo segue a medrar en Galicia



REDACCIÓN · PUBLICADO O 07 DE NOVEMBRO DE 2018 · (0)



A campaña deste ano concluiu cun incremento do 5% respecto á anterior e acada xa os 5.428 quilogramos de flor seca das variedades Nugget, Magnum, Perle, Sladek, Merkur, Cascade, Admiral e, por primeira vez, Centennial.


A colleita do lúpulo segue ofrecendo excelentes resultados e cada ano increméntase a produción en Galicia desta planta trepadora de longa tradición na zona de Betanzos e moi coñecida por ser un dos principais ingredientes da cervexa, responsable do seu sabor e aroma. De feito, foi Estrella Galicia quen recuperou no seu día o cultivo do lúpulo como homenaxe ao seu fundador polo ano do seu centenario (2006). Dende entón esta iniciativa foi consolidándose e medrando, e dende Corporación Hijos de Rivera puxéronse a disposición do proxecto cada vez máis medios e esforzos.

Nesta campaña introducíronse novidades froito da investigación levada a cabo nos últimos anos sobre esta planta por parte do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), en colaboración con Corporación Hijos de Rivera e a cooperativa Lutega. Por primeira vez colleitouse lúpulo da variedade americana Centennial, que ofreceu resultados interesantes na súa evolución. Ademais, agora comeza un estudo sobre control de ataque de oídio, un fungo moi nocivo para o cultivo da man do Laboratorio Agrario e Fitopatolóxico de Galicia (Lafiga).

Por outra banda e por sexto ano, colleitouse lúpulo ecolóxico, cultivado seguindo os procedementos marcados polo Craega (Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica en Galicia), un proxecto que foi pioneiro en España. A parcela de lúpulo ecolóxico atópase nas instalacións do CIAM e é resultado dun proceso de investigación e probas que levaron á transición dende o cultivo convencional ao ecolóxico. Este ano o resultado foi excepcionalmente bo cun alto valor de alfa ácidos, dun 12,4%, próximo ao récord de 2013 con 12,6%.

Outro eido de mellora no que se vai traballar na próxima campaña será na aplicación de fertilizantes a través do sistema de rego (fertirrigación), neste caso en colaboración coa Escola de Enxeñaría Agrícola e Agroalimentaria da Universidade de Santiago. O proxecto conta cunha previsión total de máis de 15 hectáreas de cultivo, das que Corporación Hijos de Rivera, a través de Cosecha de Galicia, achega ao redor de nove hectáreas propias.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)