Publicidade

Ourense Termal


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Artesanía de Galicia, símbolo de calidade e prestixio



REDACCIÓN · PUBLICADO O 08 DE NOVEMBRO DE 2018 · (0)



O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a nova orde que regula a concesión, uso e control da marca Artesanía de Galicia, unha norma que pretende reforzar a marca e o seu recoñecemento como un sinónimo de calidade e prestixio.


A normativa que hoxe se publica no Diario Oficial de Galicia buscar a simplificación administrativa, suprimindo a necesidade de que os obradoiros de artesáns inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía teñan que solicitar formalmente o uso da marca. Ademais, simplifícanse tamén os trámites para solicitar o uso da marca por parte dos establecementos comerciais, que só deberán presentar unha declaración responsable de que cumpren cos requisitos esixidos, e acreditar estar dados de alta no imposto de actividades económicas.

Esta normativa tamén permite reforzar a presenza de Artesanía de Galicia na comercialización dos produtos artesáns. Así, actualízase o manual de uso da marca, cun novo deseño de etiquetas intelixentes que levarán incorporado un sistema de código QR con información dixital sobre a persoa artesá e o produto, o proceso de elaboración, e os materiais. Tamén se establecen novos deseños de packaging e introdúcense elementos de identificación e sinaléctica para feiras e outros eventos, e regúlase a sinalización dixital. A Xunta complementará estas medidas con accións promocionais que se porán en marcha xa de cara ás compras do Nadal.

Sector en auxe

Artesanía de Galicia reúne actualmente a máis de 5.000 persoas e cada día incorpora novo talento que contribúe a potenciar o valor do feito a man, mesturando o saber facer dos oficios tradicionais galegos cunha crecente aposta polo deseño, a creatividade e a calidade das pezas.

De aí o interese do Goberno galego por potenciar este sector, consciente, segundo indica a directora xeral de Comercio Sol Vázquez, da súa importancia económica pero tamén cultural e social, en tanto que a artesanía “é sinónimo de xeración de novos empregos e oportunidades, especialmente no medio rural, ao tempo que contribúe á conservación do patrimonio”.

Así, entre outras iniciativas, este ano púxose en marcha un programa pioneiro para potenciar o relevo xeracional na artesanía promovendo programas de formación e tamén se concederon axudas para mellorar a comercialización, a visualización e a presenza nos mercados dos produtos. Ademais, ata o vindeiro 16 de novembro está aberto o prazo de presentación de candidaturas aos premios Artesanía de Galicia.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)