Publicidade

Ourense Termal


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

LitterDrone, un proxecto galego co que a Unión Europea espera acabar coa contaminación nas costas



REDACCIÓN · PUBLICADO O 09 DE NOVEMBRO DE 2018 · (0)



Co financiamento comunitario desenvolveuse en Vigo un software para detectar e identificar o lixo nas praias con cámaras de alta precisión instaladas en drons. Participan a Universidade de Vigo, a Asociación Española De Lixos Mariños (Aebam) e a empresa Grafinta.


A visión artificial incorpora a telemetría para obter imaxes exactas e realizar medicións precisas cos drons. Como explica Fernando Martín, coordinador de LitterDrone, “desenvolvemos un proxecto que permite identificar e cuantificar os residuos presentes nas praias, o que axuda a detectar as zonas de maior acumulación e identificar as súas fontes. Así, facilitarase enormemente deseñar as medidas máis efectivas”.

Segundo a Dirección Xeral de Sustentabilidade da Costa e do Mar, durante 2017 puidéronse atopar ao redor de 39.000 obxectos nas nosas praias nas mostraxes oficiais. O pasado ano houbo 103 campañas de seguimento nun total de 26 praias repartidas por toda a xeografía española, rexistrando 38.810 obxectos e atopando unha media de ata 377 obxectos por praia e campaña. Aínda que o impacto principal do lixo mariño prodúcese nos ecosistemas mariños, tamén deixa unha gran pegada no ser humano como resultado das substancias tóxicas liberadas polos refugallos plásticos ou pola influencia dos microplásticos, que poden entrar na cadea alimenticia.

Segundo esta mesma investigación, os lixos mariños achados durante estas mostraxes están compostas na súa maioría por materiais plásticos (incluído o  poliestireno), representando o 72% dos refugallos, seguido polos restos de papel e cartón (11%), residuos hixiénico-sanitarios (8%) e en menor medida, polos restos metálicos (4%) ou de madeira (2%).

Para Lucas González Ojeda, portavoz da Comisión Europea en España, “é importante impulsar proxectos como o de  LitterDrone, que permiten combater un problema como é o dos refugallos mariños e, máis concretamente, os refugallos plásticos. A protección e conservación dos océanos non só é importante a nivel ambiental ou para a saúde das persoas, senón que ten unha gran influencia na economía”. O pasado 24 de outubro o Parlamento Europeo aprobaba a prohibición dos plásticos dun só uso. Con esta medida, os pratos, vasos e cubertos de plásticos, así como os bastoncillos de algodón, pasarán a estar prohibidos na Unión Europea a partir de 2021, xa que os plásticos dun só uso son os máis problemáticos.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)